Mar Seaxá
Xa me sinto satisfyer
Estou convencida de que en Galiza somos distintas e sabemos aproveitar os nosos recursos coma ninguén.
Somos as precursoras do zero waste e da reciclaxe antes de que se lle ocorrira a ninguén antes. Os somieres serven dende sempre de cancela para a leira ou o váter vello é o mellor para ter unhas prantas no xardín. Reciclaxe sen máis e imaxinación práctica, para que logo nos critiquen e nos veñan con historias do feísmo. Ben orgullosas temos que estar de ser así.
Por iso, cando lín no Diario de Pontevedra que en Raxó os da comisión de festas de san Gregorio sortean un Satisfyer, pensei que iso é unha mostra máis da xenialidade galega. Non necesitan cartos para honrar ao seu santo? Pois a sortear un consolador, que de seguro van vender todas as rifas.
Para quen non o saiba, o Satisfyer é o Ferrari dos consoladores, pon de cero a cen en oito segundos, é o mellor, e iso o saben os da comisión de festas, que son listos coma allos. Hai que agradecerlles que non escolleran a versión masculina, (que tamén a hai, mozos!) e iso tamén é marketing, porque todas sabemos que somos máis as insatisfeitas debido a unha cuestión simplemente mecánica no caso dos homes.
Os homes o teñen máis doado de toda a vida de dios, as cousas como son.
Deixando a carón os preliminares, é raro que o señor cura non dixera nada, polo de agora, sobre o de compartir cartaz San Gregorio e o Satisfyer. Unha parella curiosa, pero de seguro que a San Gregorio non lle importa a compaña do aparato chuchón, porque grazas a iso o nivel de agradecemento ao santo vai subir na vida dunha freguesa. É de supoñer que chegado o momento, a gañadora o adicará a san Gregorio que é o verdadeiro facedor desa miragre.
Na iconografía de santos os hai que levan ramiñas de olivo, ou acompáñanse dun can ou así. A partires de agora o noso santo vai ter que deixar o báculo que porta e haberá que facerlle un Satisfyer á medida da súa man. Isto vai convertilo no santo patrón das que teñen por parella un inútil ou das que non queren telo, que tamén as hai listas. Aconsello ás fábricas de exvotos que incorporen o aparato ao catálogo que ofrecen: cabezas, pernas, brazos e satisfyers.
O día da festa, cando saia pola porta o santo en procesión, soará a canción dos Rolling. Mentras, unha muller terá o maior dos sorrisos na súa faciana. Xa se sentirá satisfeita.