Dani Antelo
A importancia que merece
Inmersos xa nos días de outono, a Danza de Espadas do pasado domingo puxo fin a un verán de ración de calamares e cerveciña fresca. Queda, desde agora, todo un tempo por diante para continuar a traballar na reconstrución. A Covid golpeou moitos negocios e familias de todo o País, algo o que, sen dúbida, non foi alleo o noso Concello. Sen acender a mecha do debate sobre se a xestión por parte do Partido Popular foi mellor ou peor, teño a impresión de que as boas intencións do Goberno Municipal débense plasmar de maneira efectiva, máis alá da foto de portada pola chegada de fondos europeos. Se existe un interese verdadeiro por facer rexurdir a Vila, esta semella unha boa oportunidade.
Sacando a parte positiva, quédome cun feito interesante durante un segundo verán de nova normalidade: no ámbito local, o fenómeno pandemia fixo que os espazos públicos do núcleo urbano recuperaran o protagonismo coma nunca se vira desde fai tempos. Agás da incomodidade da mascarilla, camiñar pola rúa á tardiña era simplemente unha marabilla. Chama a atención que os máis xoves, por exemplo, coa escusa de evitar desprazamentos a outras localidades para saír de marcha, optaran por xuntarse nalgunha terraza do centro, enchendoo todo co seu espíritu alegre. Algo que reflexa que os marinenses, a través das novas xeracións, están máis vivos ca nunca e que demandan unha vila que invite a desfrutar dos recursos propios.
Outro fenómeno curioso acontecido os meses pasados, foi a sensación dun maior fluxo de visitantes extranxeiros. O boom de Galicia como foco do turismo de verán é evidente. O paraíso que con tanto coidado agochamos coa desculpa “aquí sempre chove”, deixou de ser un segredo para converterse nun destino competitivo, xerando unha economía importante nas poboacións máis representativas do litoral. Supoño que, cunha mestura de equilibrio e sentido común, poderemos aproveitar de cara ó futuro o que teñen traballado outros concellos daredor, como Bueu: cun menor poder recaudatorio polo número de habitantes, pero cunha oferta socio-cultural superior á nosa a varios niveis.
A escasos dous anos das eleccións locais, o grupo de xestión a cargo debe estar á altura. Empreguen vostedes todas as ferramentas das que dispoñen para fecelo. É preciso demandar para Marín a importancia que merece.