Dani Antelo
Ese Marín que quero
Aínda lembro cando de cativo ollaba detidamente cada un dos elementos que adornaban dunha forma un tanto aleatoria a parede da sala principal da casa. Entre o conxunto de cadros, atopábase un gravado da igrexa da peregrina e outro dunha dorna apoiada sobre as rochas dunha praia que resultaba familiar. Na esquina dereita da pintura a firma do autor M. Torres.
Tamén nunha esquina, pero detrás do parque infantil, case inadvertido, atópase a catro pasos da Alameda un dos espazos que homenaxea o que si é sin dúbida o persoeiro marinense máis internacional do século vinte e un dos artistas plásticos máis importantes de Galicia. Se tendes a oportunidade de dar un paseo polo interior das súas salas, atoparedes obras que vos levan ás raíces do Marín mariñeiro e da súa barriada "Lameiriña", que cunha singular orografía servía de inspiración para o artista local. Coetáneo de ilustres pintores galegos como Arturo Souto, Virxilio Blanco, Maside ou Laxeiro, tivo que sair da vila para que a súa obra fora recoñecida. Así nolo recorda unha das frases atribuídas ó pintor marinense que pode ser leída polo visitante ó subir a escaleira do edificio que leva o seu nome. Antes de partir cara Madrid para cursar estudos no Círculo de Belas Artes, compartía tertulias con Castelao e compañía no Café Derby de Vigo. Case nada!
Na actualidade, o Museo Municipal Manuel Torres, cunha imaxe renovada, acolle exposicións coma a destes días, que conmemora 70 anos de activismo cultural dunha asociación referente no país: o Ateneo Santa Cecilia. Sen ela non teriamos enterro da sardiña, nin maios, nin danza de espadas. A mesma nai do coñecido artista Antón Sobral, Ánxeles, impartiu clases de pintura nesta asociación, como o fixeron tamén Eirín e o mesmo Torres. No acto principal celebrado pola organización fai unha semana, xurdiron de maneira espontánea anécdotas doutros tempos da boca do público asistente e dos convidados e convidadas. Nostalxia, a dun pobo, que precisa de iniciativas coma esta para reecontrarse consigo mesmo. Porque se por aquí pasaron intelectuais como Otero Pedrayo, Méndez Ferrín ou Torrente Ballester, é que algo "se cocía".
A vila, ten potencial para sacarlle brilo o seu atractivo natural, tanto pola parte material e inmaterial. A dinamización de espazos culturais, a recuperación da tradición e a memoria, así como a reconversión daqueles puntos urbanos mortos en áreas que alberguen actividades diversas, é unha das mellores inversións que pode facer o goberno local que estea por vir. Implicar, ademais, ás novas xeracións nesas actividades; fundamental para reconstruir ese Marín que queremos e que tanto adoramos.