Dani Antelo
Viva a Virxe do Carme
Despois da andaina polas Américas, quedeime coas ganas de completar un par de artigos que teño gardados na recárama. Un deles, sobre a xestión da limpeza das praias por parte do Concello. Pero como estamos en plenas festas patronais, vamos a ser diplomáticos. Como os de Monte Alto, que visitaran Marín fai uns anos: “O que lle guste ben, o que non que lle den polo cu”, dixo entón Xurxo Souto con moito ímpeto subido ao palco da música. El, que non é desta Vila, senón da Coruña, importáballe tres carallos soltar esa frase tan descarada no medio da Alameda. Non hai nada como a indiferenza ante o murmurar e as miradas do cortado con pastitas do emblemático Carballinés.
O conto é que aparte do aparentar e inchar peito polo paseo marítimo sen vistas, estas festas patronais están a funcionar la mar de bien. Un valado no medio da calzada e as indicacións do municipal de turno, e oes, como se isto fose Pontus Veteris. Persoal aquí e alá conquistando as rúas. Ambientazo! Lástima que ese proxecto de soterrar a avenida de Ourense con Francisco Veiga non saira adiante.
París de Noia, Panorama, Marbella… e Kiko Rivera pinchando a playlist do Spotify. Moi ben invertidos os impostos. E que estas festas son integradoras e para todos os públicos. Ten que haber de todo na viña do noso señor, ou da nosa señora, a alcaldesa, que ten afianzado o seu electorado entre a veciñanza con semellante despregadura.
Ola de calor e a música petando de madrugada. Quen pode durmir así? Quizais os que integran a oposición, dos que botamos en falta unha postura máis activa e crítica. Por certo, fantástico o Ballet de Galicia con Diego Ladín, e prometo que esta non vai con retintín. É todo un orgullo ver a rapaces e rapazas da vila ofrecendo un espectáculo recoñecido arredor do mundo.
O verán vívese, como di o lema do 2022, e a verdade que nós facémolo a gusto durante estes días de celebración. Ainda temos festas para rato, así que habitantes de máis alá de Cantodarea, animádevos a dar unha voltiña por aquí, que non mordemos a ninguén e a vila progresa adecuadamente. Porque se España foi ben, Marín tamén pode ir ben.