Xermán Torres
Un Museo para un pobo
O Museo de Pontevedra, un tesouro para toda a provincia, en grande parte a obra mestra que Filgueira Valverde nos deixou como legado.
Temos todos os galegos a gran sorte de posuír na capital da provincia de Pontevedra dunha excelente entidade, o complexo artístico e de investigación do Museo de Pontevedra, que ten previsto contar axiña con sete edificios á súa disposición, quen lles diría aos patróns fundadores e aos primeiros responsables da institución alá nos anos da súa configuración e da súa inauguración (1927; 1929) que ía a alcanzar a dimensión e a importancia que hoxe ten!
Antonio Fraguas e Francisco Fernández del Riego comentáronme no ano 1998, que unha das mellores, senón a mellor obra de Filgueira Valverde foi o Museo de Pontevedra. Hoxe ten a pleno rendemento o VI edificio, chamado Castelao, que ben puido ser chamado Filgueira Valverde, anque este estaría feliz polo nome que finalmente se lle puxo; pero, para min é chocante que Filgueira Valverde non teña edificio nin sala a el dedicados, nin tampouco ningún instituto de ensino medio pontevedrés leve o nome deste gran obreiro da cultura galega; pero, “cousas veredes...”.
Cáusame tamén estrañeza que dous dos edificios primitivos, o Castro Monteagudo e o García Flórez leven tanto tempo pechados coa súa suposta remodelación e posta ao día, é a grande obra do Escorial, non se entende tanta demora, agardo que axiña se recuperen e se lle dea un digno e axeitado uso.
Boto moito de menos o poder visitar con nenos e mozos a reprodución do camarote de oficiais do barco do Almirante Méndez Núñez, que estaba moi ben conseguido e facía as ledicias de pequenos e grandes, algúns conatos de mareo inclusive; cousa que puiden comprobar e gozar das moitas visitas que guiei co meu alumnado ao Museo de Pontevedra desde o ano 1978 e ata hai ben pouco tempo.
En preguntas e conversas con funcionarios e persoal do Museo laiabámonos das poucas visitas que realizan os institutos da provincia e outros centros específicos de artes ás instalacións e ás distintas salas deste extraordinario Museo, lugar idóneo e moi axeitado para coñecer a nosa historia, a nosa arte e a nosa cultura. Hai que coñecer o próximo para ir abríndose a coñecer outras realidades. Ás veces, e é unha mágoa, non coñecemos nin entendemos o propio, cuestión moi característica dos galegos e son outros os que teñen que abrirnos os ollos das riquezas que posúe a nosa terra.
Penso que este Museo merece unha visita obrigada, en verdade moitas visitas, para todos os centros educativos, non tan só da provincia, senón de toda Galicia. Pero, non tan só visitas escolares, tamén debería ser punto de encontro coa nosa historia e coa nosa cultura para todas as familias da provincia. É un ben que non deberiamos desaproveitar.
Todas as salas teñen moita importancia, non obstante, eu destacaría as dedicadas a nosa Prehistoria, á cultura castrexa, e hai unha, que ningún bo galego se debera perder, a dedicada ao gran home, gran artista, gran literato Castelao, que tanto amou á cidade de Pontevedra, debía ser como San Andrés de Teixido, pero, hai que visitala de vivo.
Este legado, en boa parte, conservado e instalado grazas ao bo facer do vello profesor Filgueira Valverde, merece ser visitado e desfrutado; unha visita a Pontevedra non é completa se non se visita o Museo de Pontevedra. É como un xeito de homenaxe e para soerguer Galicia!
Membros da Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa na Sala de Castelao do Museo de Pontevedra, 24/04/2023. (Imaxe cedida por Gustavo Santos)