Xermán Torres
A voltas co baldaquino do século XV de Santa María de Caldas de Reis
Detalle do baldaquino caldense. Imaxe de Xermán Torres
Xosé Filgueira Valverde (Pontevedra, 1906-1996), considerado como o último polígrafo galego, recuperou e rescatou para o coñecemento xeral moitas mostras históricas do noso patrimonio material e inmaterial, foi un gran publicista e divulgador de moitos aspectos da cultura galega, que sen o seu gran labor de pescuda e descubrimento permanecerían descoñecidas para sempre. Nos seus nove volumes, que denominou Adral, e publicados polas Edicións do Castro, que mantivo con tanto acerto outro grande da nosa cultura, Isaac Díaz Pardo, deu a coñecer e rescatou do esquecemento a tantos persoeiros e a tantos temas de moito interese para a nosa cultura; os seus ensaios Adral son un tesouro, dignos de ser lidos e tidos en conta.
O que non se lle pode pedir a Filgueira Valverde é que soubera de todo, que fora o máximo experto en todo e ademais que acertara con todo. Mais, postas na balanza as súas aportacións, predominan os acertos.
Sobre o baldaquino que se atopa hoxe nunha das paredes do interior da igrexa parroquial románica de Santa María de Caldas de Reis eu fun testemuña directa, cara o ano 1968, de como Filgueira Valverde lle reclamaba ao entón párroco de Santa María, D. Marcelino Torres Villar, que os restos do baldaquino que se atopaban tirados e abandonados nuns terreos próximos ao adro da igrexa deberían ter un lugar máis digno para a súa colocación e que habería que velar pola súa conservación.
Hoxe, hai voces que revisan e lle quitan a razón a Filgueira Valverde de se dito baldaquino é ou non é a primeira testemuña en pedra da descuberta de América. Na actualidade, debera haber máis medios e máis estudos sobre este importante e intrigante baldaquino. Filgueira como bo científico humanista fai conxecturas, fórmula hipóteses, intenta ver posibilidades de interpretación; pero, sobre todo, abre camiños para que outros avancen na investigación histórica e arqueolóxica. Dentro de todas as posibilidades e propostas, algunhas poden dar luz para chegar a unha solución razoable. Sobre este baldaquino de cara o século XV, habería que poñerse mans á obra e avanzar nos estudos, propoñer novas vías de investigación e formular ou reformular novas hipóteses, aportar novas conxecturas e argumentar con rigor científico sobre as orixes e significado deste singular e enigmático baldaquino. Filgueira Valverde invitaba a elo, recordaba que existe e que estaba abandonado e maltreito nunha finca calquera da parroquia de Santa María de Caldas, chea de silvas e en proceso de deterioro e posible perda, esta foi unha súa acción para preservar este rico patrimonio e lanzou unha serie de ideas para poder avanzar no seu estudo histórico, con el, Hipólito de Sa Bravo, e outros da súa época, aportaron os seus traballos e con pobres medios o que podían aventurar e entrever sobre dito baldaquino. Tema que merece, cos recursos cos que contamos na actualidade, un fondo estudo e unha maior dedicación; isto é o que pretendía, fundamentalmente Filgueira, a súa posta en valor e unhas axeitadas e detidas investigacións. Uns abren camiños que outros deben percorrer e mellorar.
En ciencia trátase de amosar distintas posibilidades, de formular distintas solucións e distintas preguntas e hipóteses coa intención de aproximarse á verdade histórica con rigor e sen prexuízos, sen trabas, nin censuras; non se trata de borrar ou de eliminar as diversas liñas de investigación nin as distintas propostas de posibles solucións ao problema, tamén se trata de buscar a correcta identificación do problema e de propoñer con claridade de que problema se trata. Todo contribúe e todo é un proceso de indagación, de pescudas para achegarse o máis posible á verdade científica. Nas investigacións e nas experiencias científicas fanse moitas propostas, moitos intentos de solución para un problema e que se desbotarán e rexeitarán a maioría deles, haberá selección e escolla ata lograr a luz, ata lograr a solución cuasi definitiva. Non se trata de desbotar e de penalizar os erros, dos erros é posible chegar á verdadeira e definitiva solución. No camiño da ciencia, cantos erros e equivocacións se producen ata chegar á solución final? O importante é estar a investigar, “que a inspiración te colla traballando”.
E no caso concreto deste baldaquino, Filgueira (1979, p. 263) propoñía: “A peza sería ben merescente de un detido estudo e de mellor colocación e arranxo, no que agora se anda, e de ser coñecida e visitada”.
Dubido se se fixo ese “detido estudo” e penso que o Concello de Caldas de Reis e a parroquia de Santa María deberan facer máis e moito mellor para que esta peza de incalculable valor histórico e artístico fose moito máis “coñecida e visitada”. Nisto Filgueira foi un adiantado e as súas propostas teñen moita vixencia hoxe. Oxalá alguén nos lea e poida ter algún poder para darlle solución axeitada a este “problema”.
Para ampliar, léase:
Filgueira Valverde, X. (1979). Un recordo das navegacións en Caldas. En Adral (Do Castro), 263-266.
González, S. (7 de julio de 2023). Tras las huellas de Colón en las Rías Baixas: de la riqueza medieval al equívoco de Filgueira Valverde. En La Voz de Galicia. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/arousa/2023/07/07/tras-huellas-colon-riqueza-medieval-equivoco-filgueira-valverde/0003_202307A7C2991.htm (Consulta: 11/08/2023).
Reguera Vázquez, C. (Ed.). (2020). Filgueira Valverde y Caldas de Reises. En Máximo Sar en Caldas de Reis. Escolma de artigos xornalísticos. (Concello de Caldas de Reis: Deputación de Pontevedra), 282-284.
Torres de Aboal, G. M. (28 de enero de 2009). Filgueira, Caldas de Reis e outras historias. En Un sabio na Corte do Teucro. http://filgueiravalverde.blogspot.com/search?updated-max=2009-03-11T13:21:00%2B01:00&max-results=7&start=21&by-date=false (Consulta: 11/08/2023).