Héctor Santaló
Deixar as cousas como están
Tras un verán frenético, o Concello de Pontevedra quedou sen folgos. Coa final das series mundiais de tríatlon esgotouse a inercia que traían do anterior mandato e agora, que levan meses sen dar pe con bola, decatáronse do que supón gobernar en minoría e á "gresca" con todo o mundo.
Son varios os síntomas deste esgotamento, o máis recente foi a cancelación do tradicional "Ponte de Tapas" recoñecendo a incapacidade de xestionar "por falta de tempo e recursos" un evento que se viña celebrando todos os anos.
Antes tentaron impoñer un emprazamento da fería que non gustaba a ninguén, para despois deixala onde estaba.
Tamén se insinuou, polo Alcalde en persoa, que se ía retirar o valado de seguridade instalado en Campolongo no pasado mandato polo actual voceiro do PSOE na oposición, para despois decatarse que dita instalación non respondía a un capricho senón á necesidade obxectiva de garantir a seguridade, deixando as cousa como están.
Tampouco souberon aproveitar o período de gracia que o persoal municipal lles concedeu para tentar un achegamento que contribuíse á fin dun conflito que permaneceu latente, e que volve a aflorar ao resultar evidente que a política de persoal deste "novo goberno" tamén vai ser deixar as cousas como están.
Atendendo ao perfil das figuras máis relevantes deste goberno non resulta estraño que sexa máis proclive ao despotismo que ao diálogo, que prefira a contumacia á rectificación e que opte pola imposición antes que a negociación. Mais a realidade estalles a amosar que as formas despóticas do pasado non lles serven cun goberno en minoría. Teñen dúas opcións:
A máis obvia e vantaxosa para todos é que tenten achegar posturas cos que, por non compartir ao 100% os seus postulados, consideran inimigos (lease partidos da oposición, sindicatos, colectivos cidadáns, etc…que, ao fin e ao cabo, tamén loitan por intereses da veciñanza).
A alternativa é tentar de dar magoa, recoñecendo a súa incapacidade de xestionar os intereses da cidadanía, desdicindo, coa boca pequena, o anuncio grandilocuente do día anterior ou ignorando problemas complexos e antigos que non saben atallar, en resumo, deixar as cousas como están.
Existen numerosas cuestións que son moi mellorables e sobre as que tanto a veciñanza como os distintos colectivo s levan tempo agardando una resposta. Non é xusto que, pola soberbia dalgúns "Baróns" do partido de goberno, a cidadanía teña que padecer un mandato máis preocupado en maquillar excesos e desfeitas que en desenvolver políticas que melloren a calidade de vida dos veciños e veciñas.
Non pasa nada por recoñecer que unha idea propia foi mellorada tras un proceso de negociación, incorporando achegas e propostas feitas por entidades ou persoas que pensan de xeito diferente.
O que non se pode aceptar é deixar as cousas como están, porque as cousas non están ben.