Picheleiro, "de Compostela como dicía miña nai", do barrio da Estila. Tivo a ocasión de exercer dúas veces de pregoeiro para as festas da capital galega. E como dicía María Dolores, a súa nai, Luis Castro Zahera, de neno "non tiña parada", era inquieto e durmía mal, poucas horas de soño que mantén hoxe en día. Compostelán e arousán, da Illa, de veciñanza adoptiva.
É o pequeno de cinco fillos, todas mulleres as que lle preceden. E os cinco teñen un "oráculo familiar", a tía Cefe. Estudou no colexio de La Salle. Daquela infancia e adolescencia repite varias veces na Playlist un nome de forte pegada en Santiago, Suso Alonso Braña e aos Scouts.
A priori, custa crer que a timidez, de moi novo, impedíselle presentarse a castings. Dous anos buscándose a vida en Nova York, serviron para acabar con ela e de volta, chamar a Vidal Bolaño e convencelo cunha improvisada interpretación dun borracho que era o actor que buscaba para 'Saxo tenor'.
Logo foron chegando personaxes que se converteron en alter egos de Zahera como Anselmo o carteiro, para Luar; ou Petróleo en 'Mareas Vivas'. E un non parar, porque "me educaron para traballar" e aos seus 53 anos recoñece que "me estou dando conta do enganche que teño ao traballo". Así que iso de "parar máquinas" -unha vez máis "como dicía miña nai"-, só aplícao á desconfianza que lle xera o uso de redes sociais.
Neste xogo de "alegrar ou entristecer corazóns" que é a súa profesión recibiu este 2019 o Goya ao mellor actor de reparto. O seu papel de Cabrera en 'El reino' de Sorogoyen ben podería ser a antítese dunha ladaíña repetida na familia Castro Zahera: "tentar ser honrados. Sempre que podo reivindícoo, non saírse do parchís".