O Concello nega a polémica polo Parque das Regas: "Estamos executando o que se deixou planificado. Nin máis nin menos"
Por Natalia Puga
"Nós estamos executando o que se deixou planificado. Nin máis nin menos". O edil de Parques e xardíns, Xaquín Moreda, quixo responder esta maneira á polémica xurdida nas últimas horas en relación co proxecto do Parque das Regas. O PSOE local criticou que o goberno local do BNG non está a executar o plan previsto no anterior mandato para esta zona do barrio de Valdecorvos, pero o concelleiro asegura que o que se está a executar agora é xusto o que o anterior responsable, socialista, deixou xa adxudicado.
Xaquín Moreda compareceu ante os medios de comunicación ao día seguinte de que o voceiro do PSOE, Iván Puentes, denunciara que o goberno local quere executar un parque canino moito máis pequeno do previsto nunha parcela na que el propuxera un novo parque infantil, un parque canino e unha pista multideporte, unha actuación valorada en 175.236 euros.
O voceiro do PSOE expresou o seu "absoluto abraio" e, en resposta, o concelleiro do BNG asegurou: "non entendo nada, a verdade". Así, Moreda insistiu en que o parque canino que se está a executar "xa viña de antes", pois é un proxecto adxudicado en maio de 2023, cando o PSOE aínda formaba parte do goberno local e asumía as competencias da área de parques e xardíns.
Para Moreda, detrás desta polémica pode que haxa un "problema interno" do PSOE, pero desde o punto de vista da administración non hai problema ningún e as cousas están "claras". O Concello está levando a cabo o proxecto asinado por Marcos Rey como Concelleiro de Benestar Animal en maio deste ano, e que lle foi adxudicado á empresa Naturgalia por un importe de 34.757,75 euros.
Segundo explicou Moreda, en decembro de 2022 púxose en marcha o proxecto dun parque canino que finalmente se adxudicou en maio e o contrato formalizouse a principios de xuño, xa despois das eleccións municipais. Lembra Moreda que, polo tanto, cando el asumiu as competencias na materia no verán, "estou executando o que xa estaba planificado, un contrato xa adxudicado a unha empresa" que, de feito, "se non se executa, pode pedir unha indemnización".
Ese parque canino adxudicado pola anterior concellería de Benestar Animal do PSOE, que asumía Marcos Rey, conta con planos que indican que a súa localización é a mesma na que se está a executar e que estableceron os servizos técnicos. "Non é algo que me invente eu", aclara Moreda.
A cuestión é que ese proxecto inicial de decembro de 2022, máis tarde, foi modificado por Iván Puentes, que presentou en abril unha memoria cunha mellora dese espazo que inclúe tamén a nova zona de xogos e a área multideporte. Pero Xaquín Moreda explica que esa segunda proposta mellorada non foi a que se adxudicou, senón que se contratou o proxecto inicial e dos outros plans só hai "unha memoria, non hai máis".
Para Iván Puentes, estamos diante dun "novo capítulo de ataque ás propostas e proxectos socialistas" que "evidencia unha nula intención de chegar a acordos co 'socio prioritario' e a aposta por unha estratexia belixerante en plena negociación dos orzamentos municipais". Xaquín Moreda amosa a súa sorpresa con estas afirmacións e con que este sexa o desencadenante de que o PSOE non apoie os orzamentos de 2024.
"Supoño que agora que estamos executando, o problema é que se executa. Seguramente se non executásemos ese parque canino, o problema sería que non se executa o parque canino. Entón é un problema interno, non sei de quen foi o culpable dentro do grupo municipal do PSOE, pero ben, é problema deles, non é noso", insiste Moreda.
Relacionadas:
-
Besteiro asumirá desde a Xunta o proxecto de Pontevedra Flúe para Valdecorvos
Por Redacción |
-
Reparado o acceso á igrexa de San Bartolomeu coa instalación dunha nova tarima
Por Redacción |
-
A campaña de mellora urbana e ambiental chega a Monte Porreiro
Por Redacción |
-
Cabreo no PSOE local polo proxecto de parque en Valdecorvos
Por Oskar Viéitez |
-
Contratado o novo parque canino da Praza das Regas, en Valdecorvos
Por Redacción |
-
A Praza das Regas terá un nova zona de xogos, unha cancha multideporte, un parque canino e microbosques
Por Redacción |