Ecoloxistas piden máis coordinación entre administracións ante o "grave impacto ambiental" da marea de pellets
Por Natalia Puga
As organizacións ecoloxistas Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF mostran a súa preocupación pola chegada de millóns de pellets ás costas galega e asturiana e reclaman coordinación entre as administracións na súa resposta ante a vertedura.
Estas entidades citan á Fiscalía de Medio Ambiente para falar do "grave impacto ambiental" e o "potencial perigo para a saúde humana", polos indicios de toxicidade que está a provocar esta vertedura de pellets.
Alertan de que millóns de gránulos de plásticos de menos de cinco milímetros levan semanas chegando á costa galega despois de que o buque de bandeira liberiana Toconao perdese o 8 de decembro un contedor que transportaba 1.050 sacos de 25 quilos deste produto fronte á costa portuguesa de Viana do Castelo.
Así, piden reforzar a colaboración entre administracións e tamén maior transparencia e información, pois aseguran que "observan con preocupación a reacción da Xunta de Galicia ante a vertedura", que lembra "amargamente" á que tivo coa marea negra do Prestige en 2002 e 2003 e a falta de coordinación co Goberno central.
As organizacións piden á Xunta rigor científico e transparencia e consideran que o Goberno galego debe contar co asesoramento dos prestixiosos grupos de investigación de contaminación mariña implantados en Galicia.
As organizacións piden que "non se faga un uso partidista da catástrofe" e se unan forzas para loitar contra o impacto a longo prazo da vertedura, depurar responsabilidades e reforzar a normativa na produción, transporte e consumo de plásticos.
Ademais, demandan mellor coordinación e aplicar boas prácticas na retirada da vertedura, seguimento do impacto ambiental a longo prazo e investigación e depuración de responsabilidades
As organizacións ecoloxistas celebran a apertura de dilixencias por parte da Fiscalía de Medio Ambiente ante os indicios de toxicidade e posible delito ambiental. Consideran que a empresa armadora propietaria do buque portacontedores Toconao, con bandeira de Liberia, non pode quedar impune ante este presunto delito ambiental e como mínimo debe facerse cargo dos custos de restauración baixo a premisa "quen contamina paga".
Indican, ademais, que esta crise ambiental terá "consecuencias aínda por determinar" e aproveitan para lembrar que a contaminación por plásticos e outros lixos mariños converteuse en "unha das principais ameazas sobre os ecosistemas mariños a nivel global".
Estas organizacións ecoloxistas indican que a presenza de microplásticos nos océanos ten "consecuencias devastadoras para a vida mariña" e os ecosistemas acuáticos. Infiltráronse en todos os niveis da cadea alimentaria mariña, desde organismos planctónicos ata grandes mamíferos mariños e a súa contaminación "conleva desde danos físicos como microlesiones nos tecidos internos (a chamada “plasticosis”) ata a bioacumulación de contaminantes tóxicos".
Tamén alertan de que "poden facilitar a entrada de virus e bacterias no organismo ao estar adheridos aos microplásticos" e de que a contaminación altera a estrutura e o funcionamento dos ecosistemas mariños, afectando a biodiversidade e desencadeando cambios na distribución das especies.
Relacionadas:
-
Greenpeace regresa a Vilagarcía co seu buque Arctic Sunrise
Por Redacción |
-
Un xulgado abre dilixencias por un posible delito contra o medio ambiente pola marea de pellets
Por Natalia Puga |
-
O Goberno descarta que a chegada masiva de pellets xere problemas no consumo de peixe e marisco
Por Redacción |
-
Detectan chegada de pellets ás praias de Silgar, Canelas e Areas
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
O informe da Xunta sobre os pellets: o produto é "apto para uso alimentario" e "non perigoso"
Por Natalia Puga |
-
A Xunta eleva o nivel de alerta pola emerxencia dos pellets
Por Natalia Puga |
-
Restos de pellets chegan a praias das illas de Ons e Sálvora
Por Redacción |