Un xulgado abre dilixencias por un posible delito contra o medio ambiente pola marea de pellets
Por Natalia Puga
A vertedura de 'pellets' que está a cubrir a costa galega, ademais da asturiana, a cántabra e a vasca, está xa xudicializado. Despois de que a Fiscalía Xeral do Estado abrise dilixencias polo ocorrido, o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Noia acordou incoar dilixencias pola posible existencia dun delito contra os recursos naturais e o medio ambiente.
A xuíza ordenou oficiar á Unidade do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil para que remita ao xulgado un informe con datos de interese para investigar esta vertedura á costa galega de millóns de 'pellets' de plástico.
Así, piden ao Seprona os datos solicitados en relación coa titularidade da embarcación Toconao, que o pasado 8 de decembro perdeu seis contedores fronte á costa portuguesa, un cargado de sacos de 'pellets'. Tamén pide información sobre as circunstancias nas que se produciu a perda da carga e o contido da devandita carga.
A maxistrada de Noia tamén pide información ao Seprona sobre a composición e posible toxicidade dos 'pellets' vertidos, así como o alcance da vertedura e a delimitación da área afectada”.
O xulgado de Noia incoa estas dilixencias tras a denuncia presentada por Podemos Galicia, á que se acumulou a interposta conxuntamente pola Fundación Montescola, Ecoloxistas en Acción e a Plataforma pola Defensa do Mar da Comarca Muros-Noia.
A xuíza explica que non están determinadas "a natureza e circunstancias de tales feitos nin as persoas que neles interviñeron", polo que entende que é procedente incoar dilixencias previas e practicar as esenciais, encamiñadas a efectuar tal determinación e, no seu caso, o órgano competente para o axuizamento.
A xuíza asegura que os denunciantes "se atopan lexitimados para intervir no proceso como acusación popular dado que, a pesar dos intereses particulares que poidan resultar afectados, o feitos obxecto de investigación no presente procedemento poderían ser indiciariamente constitutivos dun delito contra o medio ambiente e os recursos naturais, no que entran en xogo intereses supraindividuais ou institucionais que lexitiman a súa intervención”.
O auto non é firme e contra o mesmo cabe recurso.
Relacionadas:
-
Galicia sairá á rúa pola marea de pellets: "Deixaron indefensa á costa galega"
Por Redacción |
-
A Xunta pide ao Estado un robot submarino para “selar” a orixe da vertedura de pellets
Por Natalia Puga |
-
A complicada tarefa de atopar boliñas entre a area e retiralas unha a unha; e a axuda que pode supoñer un dron
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Patrón maior de Portonovo: "Escoitaba comparacións co Prestige. Creo que non é para alarmarse porque non é tóxico"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A marea de pellets esténdese pola ría de Pontevedra e chega tamén a Poio e Marín
Por Natalia Puga |
-
Ecoloxistas piden máis coordinación entre administracións ante o "grave impacto ambiental"
Por Natalia Puga |
-
A Fiscalía Xeral do Estado abre unha investigación sobre a vertedura de pellets nas costas galegas
Por Natalia Puga |