Ravachol e as 'madamas' e os 'galáns' de Cobres enchen de cor a Praza do Obradoiro
Por Redacción
As 'madamas' e os 'galáns' son as figuras máis recoñecidas do entroido de Vilaboa. Cada ano saen ás rúas das parroquias de Santa Cristina e San Adrián de Cobres para protagonizar o seu tradicional baile. Pero desta vez cambiaron por un día a súa vila natal e desprazáronse a Santiago de Compostela para participar nun acto de exaltación dos Entroidos tradicionais que se celebrou na Praza do Obradoiro.
Alí concentrouse unha variada mostra dos personaxes máis emblemáticos do entroido en Galicia. Especial protagonismo tiveron os sete entroidos galegos que teñen a cualificación oficial de Festa de Interese Turístico. Trátase, ademais do de Cobres, os Entroidos dos Xenerais da Ulla; de Lourenzá e a Pobra de Brollón, en Lugo; de Xinzo, Manzaneda e Maceda, en Ourense; e mais os encadrados en Portas de Galicia, entre eles Verín, Laza e Viana do Bolo.
Todos eles actuaron na capital galega amosando a singularidade das súas vestimentas e das súas actuacións. No caso dos de Cobres, as mulleres visten camisa e saia branca que adornan con plumas, pedrería e pasamanería, e medias finas. Sobre o peito portan colares e na cabeza un sombreiro que pode pesar ata sete quilos. Os homes, con sombreiros máis pequenos, visten con pantalón branco, zapatos negros e garabatas de cor encarnada.
Ademais das celebracións máis recoñecidas, na mostra do Obradoiro participaron outros entroidos que teñen tamén unha gran tradición e raizame en vilas e cidades galegas e que se recollen tamén nun folleto editado por Turismo de Galicia para a promoción deste recurso patrimonial da comunidade. Entre eles, o Entroido de Pontevedra, personificado no seu tradicional loro Ravachol.
As singularidades do Entroido de Pontevedra estiveron presentes cun stand que estaba protagonizado pola imaxe do loro Ravachol e decorado con carteis históricos da festa. Nel podíanse atopar folletos informativos da cidade e mantivéronse encontros con touroperadores, profesionais do sector e xornalistas especializados en turismo de toda España, invitados ao evento.
Ademais da acción ao público final, o acto contou coa presenza de xornalistas de medios especializados e mais de bloggers que publicarán reportaxes, posts e traballos sobre as diferentes manifestacións do Entroido que estiveron presentes, co obxecto de converter esta manifestación cultural nun gran atractivo para os viaxeiros que se acheguen a coñecer Galicia durante estas datas festivas.