"A área urbana Vigo-Pontevedra existe, é unha obviedade. Máis aló da división administrativa, a realidade económica, demográfica e funcional está aí"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Profesor universitario especializado en demografía histórica, economía da poboación e historia empresarial, ex deputado autonómico, concelleiro en Vigo e, desde decembro, subdelegado o Goberno en Pontevedra. É Abel Losada Álvarez (Ourense, 1964), un político curtido nas administracións local e autonómica de trato cordial e mente analítica, coa cabeza chea de números e ideas socialistas e moitas ganas de aprender sobre a Administración Xeral do Estado e escoitar aos cidadáns. Nesta entrevista debúllanos como encara esta nova etapa.
Quen lle precedeu no cargo recoñecían, ao comezo do mandato, a sorpresa por todas as responsabilidades asociadas á Subdelegación. Pasoulle?
Francamente, si. Creo que a arquitectura institucional da Constitución Española focalizou moito os servizos nas administracións autonómicas e difuminou un pouco os labores do Goberno de España e, efectivamente, hai moitas actividades que non están no radar dos cidadáns.
Desde fóra parece que a principal responsabilidade son as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado...
Non. Probablemente en termos cuantitativos, tendo en conta Policía Nacional e Garda Civil, si o sexan en relación ao resto de funcionarios, pero as actividades abarcan todo o panorama económico e social. Aí temos Estranxeiría, que é un tema neste momento moi importante e que vai ir necesariamente adquirindo máis importancia. Hai outro ámbito tamén moi importante que ten que ver co Instituto Nacional da Seguridade Social, o mercado de traballo. O Servizo de Emprego está transferido ás comunidades, pero a caixa común da Seguridade Social e o que ten que ver con incapacidades forma parte da Administración do Estado.
Xa leva un mes no cargo. Deulle tempo a poñerse ao día?
Deume tempo a percorrer coa secretaria xeral as dependencias que dependen directamente da Subdelegación porque logo hai unha serie de dependencias do Estado que non teñen unha dependencia directa. O día da toma de posesión a maior parte dos responsables estiveron aquí e si tiven ocasión de recoñecelos, pero, desde logo, iremos a todos os centros.
Marcou obxectivos?
Un sempre marca obxectivos, ás veces máis fáciles de cuantificar/confesar que outros. O obxectivo fundamental é que ninguén que queira trasladarlle ao subdelegado do Goberno algunha cuestión relacionada cos ámbitos competenciais vai atopar coa porta pechada. Fíxeno así cando fun deputado e cando fun concelleiro en Vigo e a verdade é que creo que é a actividade fundamental de calquera político. Na medida do posible, trasladar o que fai o Goberno de España ao conxunto da sociedade.
Falaba na súa toma de posesión da violencia machista. Foi tamén un dos principais retos da súa predecesora, Maica Larriba. Que se pode facer desde a Subdelegación?
Pódese facer un esforzo de visibilización das políticas de loita contra a violencia machista e pódese denunciar a aqueles que a cuestionan. Indubidablemente, todos os esforzos de carácter económico e de apoio social ás vítimas son imprescindibles. Por deformación profesional, creo que o orzamento é a mellor mostra de apoio político a calquera obxectivo e o esforzo do Goberno de España é innegable, máis aló do ruído que poida existir. Non ocorreu o mesmo coa Xunta cando Feijóo chegou ao Goberno en 2009, que houbo recortes importantes. E creo que demos un paso regresivo gravísimo, a aparición de forzas políticas que a cuestionan, menosprézana, din que non existe e bórrana do escenario. E esas forzas gobernan con outras forzas. Pódese facer política por acción ou por admisión.
Como de perigoso é iso para todo o avanzado ata o de agora?
É perigoso. A historia non digo que sempre se repita, pero, desde logo, o que a historia nos mostra claramente é que nada está consolidado definitivamente. A min preocúpame moito situacións que non son denunciadas nin polas vítimas nin pola súa contorna. Creo que hai que traballar sobre a contorna das vítimas, sobre o conxunto da sociedade. Iso é un labor educativo de longo prazo moi importante e calquera cuestionamiento é terrible e politicamente detestable.
Polo que lle permitiu ver este mes, que se necesita para mellorar en cuestións de seguridade na provincia?
Do que vin ata o de agora, sorprendeume para ben o nivel técnico da Policía Nacional e da Garda Civil en relación coa loita contra o narcotráfico. Estiven a ver na Comandancia da Garda Civil os radares de superficie que teñen nas Rías Baixas. Son tecnoloxicamente a fronteira a nivel mundial e demostran que nos temas de seguridade que teñen unha repercusión social moito maior como o narcotráfico, o esforzo económico, tecnolóxico e de formación dos traballadores é encomiable.
"O meu obxectivo fundamental é que ninguén que queira trasladarlle algo ao subdelegado do Goberno vai atopar coa porta pechada"
Vén das políticas local e autonómica. En que se diferencia esta nova responsabilidade das anteriores?
Entre outras cousas, vou aprender cousas novas. A porta vai estar igual de aberta que estaba na concellería en Vigo ou no grupo parlamentario socialista no Parlamento galego. Eu reivindico o labor de achegamento da política aos cidadáns e dos cidadáns á política. Creo que é imprescindible que o conxunto da sociedade entenda para o que estamos aquí, que é para tentar solucionar problemas e mellorar as situacións. Ás veces será fácil e será posible, outras veces non, pero ese é o obxectivo.
Aproveitemos os seus coñecementos en demografía e en economía, como profesor universitario. Como ve a provincia neses aspectos?
Ten un tecido industrial moi potente, sen dúbida o máis importante de Galicia. Hoxe (polo venres) publicáronse os datos da Enquisa de Poboación Activa: no último ano o número de ocupados na industria na provincia aumentou un 13%. No conxunto de Galicia aumentou un 7, practicamente a metade. No conxunto de España, mesmo menos. Outro dato, o 18% dos ocupados na provincia está no sector industrial. O sector industrial é sempre o esqueleto fundamental da estrutura económica de calquera territorio. Hai un obxectivo da Unión Europea de chegar ao 20% do PIB, que máis ou menos significa chegar ao 20% da poboación ocupada. Nós estamos nun 18. O conxunto de Galicia, nun 15. E o conxunto de España, nun 13. A proximidade a Portugal é un problema porque compite connosco e faio con moita eficacia, pero, á vez, é unha oportunidade porque o gran O Porto é case unha aglomeración dun millón e medio de persoas cunha capacidade de atracción e de demanda moi importante. Temos a fronteira con Portugal con maior intensidade de intercambio en persoas e mercadorías. O interior da provincia mantén, dentro do conxunto de Galicia, unha estrutura vinculada á gandería que vai permitindo manter unha estrutura económica sostible. Eu creo que o problema demográfico é un problema que está aí, que vai ir a máis, en Galicia, en España, no conxunto de Europa. É unha provincia que ten moitos elementos competitivos e a industrialización esixe capital físico e, sobre todo, capital humano. Tamén poño outro exemplo: dos sete centros tecnolóxicos habilitados a nivel estatal en Galicia, cinco están na provincia de Pontevedra, na área de Vigo.
"Na loita contra a violencia machista habemos dado un paso regresivo gravísimo, a aparición de forzas políticas que a borran do escenario"
Nesta etapa, terá que defender a actuación do Goberno de España na provincia. Tamén vai aproveitar pois para poñerlle deberes e mellorar Pontevedra?
Si, por suposto. Eu tentarei trasladar ao Goberno de España as demandas da sociedade e do ámbito económico que poida haber cara ás competencias que ten o Goberno de España e, desde logo, aplicarei un criterio estritamente recíproco de estar igual de pendente das competencias autonómicas que a Xunta de Galicia estao das competencias estatais.
Un vigués mandando en toda a provincia desde Pontevedra. A situación préstase a todos os tópicos e a resucitar vellas rifas entre cidades. Víveo así?
Non, en absoluto. Son un vigués que naceu nun barrio de Ourense. Entón, non sei se un pouco máis vigués ou un pouco menos vigués. Pero, en todo caso, é verdade que levo vivindo en Vigo desde o ano 91, 33 anos, pero o tema territorial local o vivo con distancia en xeral. Estou moi agradecido á cidade de Vigo porque foi o lugar no que saquei na miña oposición, o que traballei e tamén o salto á política foi nunha lista provincial. Con Pontevedra teño a vinculación que tiñamos os ourensáns que no verán estabamos en Sanxenxo, ademais, coa vantaxe de ser fillo de mestra, que as vacacións eran moi longas. O vivo como o vive o Ministerio de Fomento, que di que a área urbana Vigo Pontevedra existe, o cal é unha obviedade. Basta con pasar ás 7:30 da mañá pola AP-9 e ver o tráfico para ver que, máis aló da división administrativa, a realidade económica, demográfica e funcional está aí.
"Creo que non hai pulsos locais. Nunca fun moi territorial. Iso enténdoo ben na Sabana, en Tanzania, pero aquí non"
Dise que está aquí porque o PSOE de Vigo gañoulle o pulso ao de Pontevedra...
Non, supoño que non. A min nomeoume o delegado do Goberno e eu creo que non hai pulsos locais. Nunca fun moi territorial. Iso enténdoo ben na Sabana, en Tanzania, pero aquí non, as vantaxes do primeiro mundo que esas cousas están un pouco superadas.
Lembraba esas orixes ourensás, que veraneaba en Sanxenxo e dicía na súa toma de posesión que viña coa súa avoa a misa á capital.
Si, viña a misa e a recompensa era o chocolate con churros no Savoy. A alternativa era quedarme fóra co meu avó ou ir a misa coa miña avoa e se ía a misa, había chocolate e se non, non había chocolate. E por suposto, pois estaba na misa con Don Peregrino de forma disciplinada.
Traballar desde a praza de España faille rememorar vellos recordos?
Ademais, á parte de cando era neno, logo dei clase aquí ao principio da Facultade de Ciencias Sociais, naquel momento Publicidade e Relacións Públicas, que estabamos naquela especie de contedores metálicos que, literalmente, cando chovía, tiñamos que deixar de dar clase porque non se oía absolutamente nada. Deixei de dar clase aquí xusto cando se inaugurou a facultade nova, pero no propio Colexio Maior en Santiago había moitos compañeiros que eran de Pontevedra e, antes da pandemia, que nos cambiou bastante a vida, practicamente os sábados viña cear a Pontevedra.
Cambiou moito a cidade desde entón?
Claro, si. Eu lembro que cando viñamos de Ourense tiñamos que cruzala enteira para pasar cara a Sanxenxo. Recordo que o meu avó, como saiamos cedo, paraba nun quiosco que había enfronte da Peregrina para coller os xornais que creo que xa non está. Si cambiou, é moito máis habitable, é moito máis cómoda para os peóns. Eu creo que todas as cidades cambiaron, é verdade que aquí cunha política moi concreta, moi definida, que é evidente que algunha xente gústalle máis, a outra lle gusta menos, pero, como visitante, eu creo que é unha cidade cómoda.
"Hai moitas actividades da Subdelegación do Goberno que non están no radar dos cidadáns"
Recibímolo ben?
Si, perfectamente. É verdade tamén que creo que son de bastante fácil contentar, pero si si, moi ben.
Gustaríame terminar pedíndolle un reto para este primeiro ano.
Sinto repetir o tema, pero o reto de fóra cara a dentro é manter a porta aberta. E o reto de dentro cara a fóra é tentar que se coñeza na provincia o labor da Administración do Estado. E logo teño unha folla excel na que vou poñendo os concellos nos que xa estiven. Gustaríame no primeiro ano, non se que dirá o xefe de Gabinete, pero chegar aos 61. Eu creo que non imos mal porque van seis en tres semanas.
Relacionadas:
-
Detectan unha "migración progresiva" das mafias da droga cara aos ciberdelitos por ser "altamente rendibles"
Por Alejandro Espiño |
-
A Subdelegación de Abel Losada, "un antídoto aos negacionismos e un altofalante para a política útil"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Visita de traballo do subdelegado do Goberno ás oficinas de Michelena e Praza de España
Por Redacción |
-
O subdelegado do Goberno visita a Comisaría Provincial da Policía Nacional
Por Redacción |
-
Xa é oficial, Abel Losada é o novo subdelegado do Goberno en Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
O concelleiro socialista vigués Abel Losada, novo subdelegado do Goberno en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Nin pontevedresa nin muller: Abel Losada soa "moi forte" para substituír a Maica Larriba na Subdelegación do Goberno
Por Natalia Puga |