Novo interese da propietaria dos antigos terreos de Tafisa polo seu aproveitamento urbanístico
Por Alejandro Espiño
A urbanización dos antigos terreos de Tafisa mostra signos de vida. Un grupo inversor madrileño fíxose co control de PonteLérez, a inmobiliaria do Grupo Lar, e busca reactivar o proxecto residencial a beiras do río Lérez. Así o desvelou o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, que confirmou que representantes da sociedade Serjasan S.L. acudiron hai uns días a Pontevedra para analizar o estado de tramitación desta promoción.
De feito, a empresa realizou unha solicitude de información urbanística sobre unha das parcelas deste ámbito. Trátase do solar denominado 46A, onde o Grupo Lar pretendía edificar o primeiro gran edificio residencial do proxecto. Chegou ata a solicitar licenza de construción á que renunciaron posteriormente por falta de financiamento. Sería un edificio en forma de U con fachada á rúa José Malvar e con capacidade para 257 vivendas.
Dito solar, de 5.494 metros cadrados, está capacitado para acoller un inmoble de 25.700 metros cadrados. Tería baixo, seis plantas e baixo cuberta. Ademais, reservaríanse 4.400 metros cadrados de solo comercial na planta baixa.
Antes de decidir se retoma ou non o proxecto, Serjasan SL quere coñecer os convenios que existen sobre esta promoción, a cualificación do solo, as licenzas que se solicitaron, as posibles afeccións que pesan sobre a parcela ou calquera outra circunstancia que puidese influír sobre a súa tramitación. Por todo iso, Antón Louro prefire ser "prudente" ante a posibilidade de que se retome este plan urbanístico.
Louro recordou, en todo caso, que os novos propietarios de PonteLérez deben cumprir coas obras de urbanización que aínda están pendentes ou o Concello de Pontevedra non recepcionará os terreos. Referíase así ás zonas verdes previstas, entre elas o xardín nunha parcela anexa ao Estadio da Xuventude, unha serie de viais peonís e o derrubamento dunha nave no Camiño Vello de Castela.
Ademais, xunto cos técnicos municipais deberán revisar o uso que se deu aos 1,3 millóns de euros comprometidos para actuar sobre todo este ámbito, xa que Antón Louro recoñece que parte deses fondos usáronse xa para a instalación dun sistema de rego automático ou para reforzar a zona próxima a toda esta contorna pola que atravesa o trazado do tren de alta velocidade.
Relacionadas:
-
O Grupo Lar dá impulso á urbanización de Tafisa, que deberá rematar o 28 de febreiro
Por Redacción |
-
O Grupo Lar necesita máis tempo para acondicionar a urbanización de Tafisa
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Ultimátum dun mes ao Grupo Lar para que finalice a urbanización dos terreos de Tafisa
Por Alejandro Espiño |
-
Moreira pon a Tafisa de exemplo do "desastroso fracaso" das operacións urbanísticas de Lores
Por Alejandro Espiño |
-
O grupo Lar vese incapaz de sacar adiante o proxecto inmobiliario de Tafisa
Por Oskar Viéitez |