O multamóbil 'caza' a dous infractores no seu primeiro día operativo por Pontevedra
O multamóbil está de estrea. Este luns foi o seu primeiro día operativo polas rúas da cidade de Pontevedra e en apenas unhas horas xa cazou os primeiros infractores que tiñan un uso indebido, segundo a Policía Local, dos estacionamentos reservados para servizos. Dos cinco vehículos que 'suxeriu' que deberían ser sancionados, acabáronse impoñendo multas a dous destes condutores. Ambos os dous na zona da Praza de Barcelos e San Antoniño.
Segundo recordan dende a Policía Local, o multamóbil dá dúas pasadas por cada unha das áreas que percorre. No segundo paso, o vehículo detecta todos os coches que seguen na mesma posición, polo que transcorrido o límite de tempo de quince minutos detecta a infracción. O coche policial manda unha mensaxe á PDA dos axentes que estean a patrullar pola zona máis próxima a el, que son os que acoden ao lugar para facer a correspondente denuncia.
E, por iso ao comprobar o coche que fora denunciado, dos cinco infractores propostos neste primeiro día para ser multados, finalmente os axentes sancionaron só a dous deles por exceder o tempo estipulado.
En todo caso, foi unha xornada sen apenas incidencias destacables. Só houbo de volver á comisaría local para axustar a configuración do seu correo electrónico.
Tras meses de probas e axustes, o ollomóbil, como prefire chamalo o goberno municipal, paseou por toda Pontevedra durante a mañá. Non saíu, non obstante, pola tarde. Esa parece que será a tónica habitual. Non hai operativos previstos nin percorridos preestablecidos. A Policía Local recorrerá aos seus servizos de forma intermitente, cando noten maiores problemas cos estacionamentos limitados por tempo e non sempre polas mesmas zonas.
No goberno municipal e no propio corpo policial están convencidos de que o multamóbil servirá para reducir as 11.822 multas que, segundo recolle a memoria do servizo, se impuxeron en 2013. De feito, aínda que non o quixo vencellar exclusivamente a este novo vehículo, o propio Daniel Macenlle aseguraba na súa presentación que dende o anuncio da súa adquisición, as multas en Pontevedra caeron en torno a un 10%.
Relacionadas:
-
Augusto García Sánchez, a rúa onde máis sanciona o Ollomóbil
Por Anxo Lourido |
-
O día en que o 'ollomóbil' pasou a ser o 'multacar'
Por Natalia Puga |
-
Acabou o período de probas: a partir do luns o 'ollomóbil' vixiará as rúas de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Así funciona o "multamóbil"
Por Oskar Viéitez |