Fomento autoriza a instalación dos semáforos que reclaman os veciños de Lérez
Por Oskar Viéitez
O Ministerio de Fomento autoriza a instalación dos semáforos na estrada N-550 no tramo que discorre entre Alba e Médico Ballina. Así llo confirmaron os responsables de Estradas do Estado aos voceiros veciñais de Lérez que este martes participaron nunha reunión celebrada nas dependencias de Fomento no barrio de San Roque.
A presidenta da asociación de veciños San Bieito de Lérez, María José Abilleira, explicou que tan pronto como se reciba o permiso o Concello iniciará as obras para instalar dous semáforos con interruptor, xa que así se comprometeran os responsables municipais, e en varias ocasións o reiterou a concelleira do BNG nesta parroquia, Pilar Comesaña.
Estes veciños levan máis de medio ano reclamando a adopción de medidas de seguridade vial na estrada nacional 550 ao seu paso por esta parroquia de Pontevedra, pero tiveron que esperar ata esta semana para ser recibidos polos responsables de estradas do Ministerio nesta demarcación.
A propia Dirección Xeral de Tráfico avalou as demandas desta asociación veciñal nun informe emitido pola Xefatura Provincial a finais do pasado mes de xaneiro.
Así mesmo o informe tamén desaconsellaba a instalación de lombos como medida de calmado de tráfico, recomendando que se instalasen semáforos para facilitar aos peóns poder cruzar esta estrada nacional, dadas as características da vía cun elevado volume de vehículos.
Os veciños aceptaron a suxestión e modificaron a súa solicitude inicial de instalación de lombos por outra máis oportuna: dous pasos de peóns regulados como semáforos no tramo densamente poboado que se localiza entre a rotonda de Médico Ballina e o cruzamento de Alba. A petición xa ten luz verde.
Relacionadas:
-
Inician a instalación de semáforos na N-550 en Lérez
Por Redacción |
-
O atropelo dunha muller na Cendona abre de novo o debate da seguridade viaria no tramo urbano da N-550
Por Diego Espiño |
-
Fomento recibirá os veciños de Lérez que reclaman medidas de seguridade na estrada N-550
Por Oskar Viéitez |
-
Veciños de Lérez volven tomar á estrada da Coruña para reclamar medidas que calmen o tráfico
Por Redacción |
-
Os veciños de Lérez estudan novas vías de protesta para esixir medidas de seguridade viaria na N-550
Por Diego Espiño |
-
Manifestación arredor da rotonda de Médico Ballina ao berro de "lombos xa"
Por Natalia Puga |