A biblioteca de Sanxenxo repite premio. E van 15!
Por Redacción
O programa de animación á lectura posto en marcha en Sanxenxo pola Rede de Bibliotecas Municipais recibiu, un ano máis, o recoñecemento do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Por décimoquinto ano, resultou premiado no certame de ámbito nacional 'María Moliner', que distingue as mellores accións de dinamización e as actividades que promovan a lectura, tanto entre nenos e mozos como tamén entre outros colectivos sociais.
O proxecto distinguido este ano é 'A terra dos contos' e, como premio, a Rede de Bibliotecas recibirá un lote de 180 libros, fundamentalmente de temática infantil e xuvenil. Este ano tamén se inclúen ficción e ensaio para adultos, así como subscricións anuais a revistas de ámbito cultural e con esta nova achega os fondos da rede achéganse aos 40.000 volumes.
A Rede Municipal de Bibliotecas ten instalacións en Sanxenxo, Portonovo e Vilalonga e suma 111 postos de lectura para adultos e 55 para nenos. As distintas actividades incluídas no Programa de Animación á Lectura son 'Animación nos centros de ensino', 'Sábados lectores', 'Coñece a túa biblioteca' ou 'Contos de Nadal'.