O proxecto 'CampoCultura=CampoLee', premio María Moliner do Ministerio de Cultura
Por Redacción
O proxecto 'CampoCultura=CampoLee' da Biblioteca Municipal 'Irmáns Ricoi' de Campo Lameiro acaba de resultar premiado no concurso de animación á lectura 'María Moliner 2021' convocado polo Ministerio de Cultura a nivel estatal.
O centro foi recoñecido na categoría de municipios de menos de 50.000 habitantes, cun recoñecemento dotado con 2.014, 69 euros. O Concello xa anunciou que os destinará á compra de libros para ampliar a dotación da súa sala de lectura.
'CampoCultura=CampoLee' é un proxecto fundamentalmente colaborativo e interxeracional impulsado pola técnica municipal da Biblioteca, Cruz Magán Rodríguez; a responsable do CeMit, Sara Fernández Taboada; e a concelleira de Cultura, Eva Campos.
As actividades están enfocadas para promocionar a animación á lectura e o patrimonio natural e cultural do municipio.
O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, felicitou aos promotores da iniciativa e agradeceu especialmente a participación nas actividades propostas desde a Biblioteca Municipal 'Irmáns Ricoi' aos usuarios da da sala de lectura e, especialmente, ao alumnado do CEIP Pedro Antonio Cerviño e da Escola Infantil A Galiña Azul.
O rexedor destacou que é "un motivo de orgullo ver como desde o noso Concello se están levando a cabo iniciativas que merecen o recoñecemento no resto de España, poñendo no mapa a Campo Lameiro".
Ademais, sinalou que este galardón que acaba de conseguir a Biblioteca vén a significar que desde o emprendemento local no mundo da cultura tamén se pode influír globalmente.
"Campo Lameiro, coa súa modestia, é exemplo para moitos pobos na súa loita pola dignidade da Galicia e da España rural, como pobo solidario que se mobiliza ante a catástrofe do volcán de La Palma e tamén lidera iniciativas desde o punto de vista cultural fomentando e animando á mocidade a ler e a formarse para poder conquistar o seu futuro. Demostramos que cando se quere, pódese", indicou.
Relacionadas:
-
Educación comprométese a acometer as obras de mellora do colexio Pedro Antonio Cerviño
Por Redacción |
-
A biblioteca de Campo Lameiro, premiada por segundo ano consecutivo no concurso de animación á lectura 'María Moliner'
Por Redacción |
-
A biblioteca municipal do Grove acada outro premio nacional María Moliner
Por Redacción |
-
A Rede de Bibliotecas do Grove, premio María Moliner
Por Redacción |
-
A biblioteca de Sanxenxo repite premio. E van 15!
Por Redacción |
-
O Ministerio premia de novo a Sanxenxo polo programa local de animación á lectura
Por Redacción |