Sanxenxo fomenta a capacidade analítica dos escolares a través da lectura
Por Redacción
A Concellaría de Cultura e Educación do Concello de Sanxenxo puxo en marcha un ano máis o Programa de Animación á Lectura, unha iniciativa que inclúe actividades na Rede Municipal de Bibliotecas e nos centros escolares e coa que pretende incentivar o desenvolvemento da capacidade analítica e creativa dos nenos.
"Empregamos unha metodoloxía participativa, activa e dinámica para fomentar momentos de comunicación e entretemento grazas ao pracer da lectura", explicou a concelleira delegada desta área, Paz Lago.
Un equipo formado por catro bibliotecarias e tres animadoras socioculturais adscrito ao departamento que dirixe é o encargado de desenvolver as diversas accións ofertadas ao longo do curso, que teñen como obxectivo último introducir aos máis pequenos no mundo dos libros para que así "poidan comprender, gozar e reflexionar ademais de mellorar a súa capacidade de escoita e de retención", apuntou.
Os alumnos de Educación Infantil e Primaria son os destinatarios dos 'Sábados Lectores', que consisten en tres sesións consecutivas de dúas horas de duración en cada unha das tres bibliotecas do Concello de Sanxenxo. Nelas, os participantes descobren a diversidade de libros existente, coñecen os distintos xéneros literarios e reflexionan sobre os valores que encerran as historias, "sempre mediante propostas lúdicas que xeran nos nenos e nenas actitudes positivas con respecto aos libros", incidiu Paz Lago.
Ademais, a Concellaría de Cultura e Educación complementa esta intervención trasladando este plan aos colexios, onde os estudantes de 1º e 2º ciclo de Educación Primaria teñen a oportunidade de divertirse a través dos contos, ao tempo que desenvolven calidades de escoita, atención e diálogo.
Outra das actividades que conforman este plan é 'Coñece a túa biblioteca', que está deseñada para que os escolares se acheguen e se familiaricen con estas instalacións municipais. Facilitar o acceso á información é a finalidade desta acción que se adecúa á idade dos grupos, de modo que para os alumnos e alumnas de Educación Infantil e 1º e 2º Ciclo de Educación Primaria se realizan visitas guiadas ás bibliotecas e cuentacuentos, mentres que aos estudantes de 3º ciclo de Educación Primaria e 1º ciclo de ESO se lles forma como usuarios e se lles explica o funcionamento deste servizo público.
Paralelamente, a Rede de Bibliotecas colabora cos institutos creando 'Centros de Interese' específicos de lecturas escolares para dar resposta áxil á demanda dos títulos solicitados polos IES existentes no concello. Dende o departamento municipal tamén prestan lotes de libros aos centros educativos, tanto ás escolas infantís coma aos centros de primaria e secundaria. Son as denominadas 'Maletas Viaxeiras', que xiran sempre ao redor dunha temática concreta que o profesorado traballa cos alumnos e alumnas nun momento determinado.
"Ao longo do ano realizamos tamén outras propostas para dar cabida a colectivos específicos ou ben relacionadas con datas conmemorativas como o Día Internacional do Libro, o Día das Letras Galegas, o Día da Biblioteca, pero tamén celebramos ás Noites de Terror, os Contavós, ou levamos ás bibliotecas aos parques públicos", afirmou Paz Lago.
Relacionadas:
-
A biblioteca de Sanxenxo repite premio. E van 15!
Por Redacción |
-
Sanxenxo pretende dotar de puntos wifi gratuitos ás parroquias
Por Oskar Viéitez |
-
Habilitan unha aula de verán para alumnos 'cateados'
Por Redacción |
-
Polo Nadal Contos nas orellas, na Biblioteca Pública
Por Redacción |
-
Sanxenxo fomenta a capacidade analítica dos escolares a través da lectura
Por Redacción |