O PP pide retomar a ordenanza de venda ambulante para regular o mercado de antigüidades
Por Redacción
O Partido Popular insta ao goberno municipal a que retome a tramitación da nova ordenanza que debería regular a venda ambulante na cidade e que tiña como obxecto, especialmente, servir como normativa para ordenar o mercado de antigüidades que se vén celebrando desde hai anos na praza da Verdura.
Ao fío do anuncio do Concello de que trasladará este mercado á rúa Serra, os populares entenden que sería máis efectivo retomar os traballos que deixou perfilados a anterior concelleira de Promoción Económica, Carlota Román.
"Non é só debido á polémica suscitada neste días cun coñecido comerciante local -que tamén-, senón que veñen producíndose no tempo reiteradamente, e tras as declaracións da concelleira do BNG, Carme da Silva, nas que informa que non é necesaria a súa regulación, nós consideramos que si, tal e como sucede no mercado de antigüidades e coleccionismo de Lugo que se celebra na praza maior con grande éxito", sinalan nun comunicado.
Segundo o voceiro do PP, Jacobo Moreira, unha iniciativa que naceu para dinamizar o centro histórico "non pode converterse nun foco de descontrol e caos polo desleixo dos responsables municipais".
Por iso, considera necesaria unha nova regulación sobre as competencias de inspección e control do Concello, regulándose o procedemento de incautación de mercancía e as funcións de colaboración da Policía Local, tal e como recollía o anteproxecto de ordenanza que, aseguran os populares, foi realizado coa axuda dunha empresa especializada e que tivo un custo para as arcas municipais de 2.359,63 euros.
Relacionadas:
-
Da Verdura á rúa Serra: así foi o primeiro día do novo mercado de antigüidades
Por Alejandro Espiño |
-
O mercadillo da Verdura será trasladado á rúa Serra "nun prazo curto de tempo"
Por Redacción |
-
Un policía local denuncia un hostaleiro por botar uns vendedores do rastro da Verdura e montar a súa terraza
Por Anxo Lourido |