O Campus Crea e o edificio da Xunta de Benito Corbal, novo "campo de batalla" municipal
Por Redacción
A firma do alcalde nun convenio "non garante nada". Esa é a denuncia do portavoz do PP, Jacobo Moreira, tras coñecerse que as instalacións vinculadas ao Campus Crea van situar finalmente no edificio da Xunta en Benito Corbal. Non o farán, por tanto, no inmoble de nova construción que se ía a situar na rúa da Barca, tal e como figuraba no acordo asinado entre Fernández Lores e o reitor da universidade de Vigo.
A decisión do goberno galego de acoller á universidade en Benito Corbal "deixa en evidencia a mala e inoperante xestión" do BNG en Pontevedra que, segundo Moreira, acumula numerosas "promesas incumpridas" ao longo dos últimos anos.
Con respecto á universidade "non é a primeira vez" que o goberno municipal "non cumpre", xa que os populares lembran a "frustrada" construción do edificio das Artes nos terreos de Tafisa e que non permite que o Concello poida trasladar a súa sede institucional ao antigo cuartel de San Fernando, que alberga actualmente a facultade de Belas Artes.
O portavoz do PP pídelle ao alcalde que, nun futuro, "trate de ofrecer maiores garantías" cando acorde asinar un convenio.
Neste sentido, os populares consideran que o Concello é o "único responsable" de que a Xunta non puidese recalificar o edificio de Benito Corbal para vivendas e oficinas, ao incumprir o convenio asinado coa Xunta "grazas ao que hoxe dispón gratuitamente da sede na rúa Michelena 30".
Pero esta última crítica ha molestado especialmente no goberno municipal. A edil de Urbanismo, Carme da Silva, sinalou que foi a propia Xunta a que renunciou no seu día a esta recualificación e acusou a Moreira de "afear" o acto de presentación do novo proxecto para Benito Corbal que protagonizará o vicepresidente do goberno galego, Alfonso Rueda, o vindeiro luns para avanzar os novos usos do inmoble.
Da Silva explicou que a Xunta renunciou a esta operación inmobiliaria en 2011 e desde entón "non volveu a porse en contacto cos servizos municipais" para tratar de desatascar esta situación. A recualificación non era posible, sinalaron entón os informes municipais, se non se cumprían os estándares de equipamentos e zonas verdes, como era obrigado ao estar pensado un uso residencial ou para oficinas.
Relacionadas:
-
Apoio ao programa de doutoramento do Campus CREA S2i
Por Oskar Viéitez |
-
Unha pel de aluminio e un corazón social para o edificio de Benito Corbal
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
As dúas oficinas de emprego múdanse de Eduardo Pondal a Benito Corbal
Por Alejandro Espiño |
-
Unha delegación da CRTVG en Benito Corbal?
Por Alejandro Espiño |
-
A antiga sede da Xunta en Benito Corbal conta ao fin cun proxecto para a súa rehabilitación
Por Diego Espiño |