Unha xuíza de violencia de xénero ampara na liberdade de expresión chamar "mala zorra" á presidenta da Deputación
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mostrou o seu "enfado" asegurando que está "indignada" e "escandalizada" despois de que unha xuíza arquivase a querela presentada pola institución provincial por inxurias contra o concelleiro do Partido Popular responsable de Igualdade no Concello de Moraña, Jorge Caldas, que lle chamou "mala zorra" por non conceder unha subvención para un rallye.
Segundo consta no auto ao que tivo acceso PontevedraViva, a maxistrada desestima esta denuncia argumentando que non hai motivo para a sanción porque, segundo asegura, "mala zorra", "sinvergüenza", "menuda furcia" e "hija de puta" non son expresións gravemente ofensivas e "foron vertidas no exercicio do dereito á liberdade de expresión".
O auto está asinado por Rosa García Prado, a maxistrada-xuíz do Xulgado de Instrución número tres de Pontevedra, con competencia sobre materia de violencia sobre a muller.
Foron os concelleiros do BNG de Moraña quen denunciaron publicamente os insultos do entón concelleiro popular, Jorge Caldas Domínguez, quen tivo que dimitir tras o escándalo suscitado. O edil deu un "gústame" a improperios aínda máis fortes que escribiu en Facebook, Daniel Monteagudo Piñeiro, outro militante do PP da localidade contra o que tamén se dirixía a querela da Deputación.
Tamén o Ministerio Fiscal considerou delito nestas expresións difundidas na redes social Facebook.
Con todo, no auto a maxistrada pontevedresa afirma que "os termos empregados supoñen unha linguaxe soez que con todo non resulta inhabitual na actualidade nas manifestacións dos cargos públicos".
Ademais o auto enmarca estes insultos "nun momento de obcecación" polo que neste contexto valora que non existe responsabilidade na vía penal, "non estimando que se trate de expresións gravemente ofensivas".
Nunha comparecencia de urxencia tras coñecerse o contido do auto, Carmela Silva, anunciou que a Deputación de Pontevedra presentará un recurso de apelación ante a Audiencia Provincial porque considera que este tipo de condutas non pode quedar impune e merece unha sanción.
Carmela Silva manifestou a súa "absoluta incomprensión" fronte a uns "insultos gravísimos de marcado carácter sexista" que considera inxurias graves contra un cargo público, unha figura que o Código penal contempla como delito, polo que ve "incomprensible" a decisión da xuíza.
"Lo que más me preocupa es que son violencia machista esos insultos", declarou a presidenta da Deputación de Pontevedra precisando que ela ten "voz" e un modo de defenderse desas ofensas así como a "capacidad de poder denunciarlo" pero asegurou que "lo que me preocupa son todas esas mujeres que no tienen voz y que son agredidas cada día".
"A esas mujeres les estamos diciendo todos los días que sean valientes y que denuncien en los juzgados los ataques y la violencia machista" polo que a presidenta da Deputación apunta que agora "cuando conozcan el contenido de este auto les estamos diciendo que no merece la pena denunciar".
Cando a maxistrada que ten competencias en materia de violencia de xénero aduce que eses improperios están amparados na liberdade de expresión, está a dicir, segundo Carmela Silva "que las mujeres tenemos que aguantar esos insultos".
O PP CELEBRA A DECISIÓN XUDICIAL
Tras coñecerse esta decisión xudicial, a secretaria de Organización do PP de Pontevedra, Luisa Piñeiro, asegurou que o seu partido "celebra" que a xustiza desestimase a denuncia contra Jorge Caldas, o seu ex tenente de alcaldesa en Moraña, e acusou á Deputación de tentar "enturbar" a vida política de forma "claramente partidista".
"Non se poden xustificar as expresións de Jorge Caldas pero despois dunha dimisión, de pedir desculpas e de que un xulgado diga que non hai nada sorprende que se insista en ir contra un concelleiro do PP", concluíu a dirixente popular.
Relacionadas:
-
Condenado o ex concelleiro do PP que insultou a Carmela Silva por redes sociais
Por Alejandro Espiño |
-
Carmela Silva, satisfeita pola reapertura do caso dos insultos machistas realizados contra ela
Por Redacción |
-
Presentan unha queixa ante o Poder Xudicial polo arquivo dos insultos a Carmela Silva
Por Redacción |
-
A presidenta da Deputación lamenta que "haxa mulleres que non se somen á loita pola igualdade"
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva non quere disculpas polos insultos porque "non son suficientes" cando se "agrede" a mulleres
Por Marisa Ciordia |
-
Dimite o edil do PP que chamou "mala zorra" á presidenta da Deputación
Por Redacción |
-
Os socialistas denuncian ante Fiscalía ao edil do PP que chamou "mala zorra" a Carmela Silva
Por Oskar Viéitez |
-
Un edil do PP de Moraña chama "mala zorra y sinvergüenza" a Carmela Silva en Facebook
Por Redacción | Creada e actualizada