As Rías Baixas botan por fóra... de turistas
Por Redacción
As Rías Baixas e, en xeral, toda a provincia de Pontevedra están a rexistrar este verán uns datos de ocupación hoteleira e visitas turísticas históricos. Segundo os datos facilitados pola Deputación, durante o pasado mes de xullo a ocupación media na provincia foi do 82%, superior ás propias estimacións da institución provincia, que prevían unha media do 72%.
Estes datos de ocupación son "os mellores da última década", segundo a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e en lugares mesmo son máis positivos, pois en Sanxenxo son as mellores cifras dos últimos 12 anos e no Grove a ocupación foi 20 puntos superior ao mesmo mes de 2015.
Por comarcas, en Pontevedra a ocupación hoteleira en xullo foi do 90%, 25 puntos por riba das estimacións de Turismo Rías Baixas. Segundo Carmela Silva, a cidade do Lérez rexistrou os mellores índices de ocupación da última década e en Poio o incremento foi do 9% con respecto a xullo do ano pasado. Caldas superou en 40 puntos as estimacións, chegando ao 90% e O Morrazo tivo unha ocupación do 95% e o maior incremento do turismo do norte de España e dos turistas internacionais.
Carmela Silva adiantou ademais que, a falta de reservas de última hora, as que se fagan a través de Internet, estiman que no mes de agosto a ocupación será de case o 84% nas Rías Baixas. Na cidade do Lérez prevese que chegue ao 90%, no Salnes ao 95% e no Morrazo agárgase o 100%, tal e como a Deputación de Pontevedra sinalaba xa a comezos do verán.
Entre os datos facilitados pola Deputación figuran o perfil do visitante, que no mes de xullo foi nun 85,25% de orixe español. O 44% viñeron en familia ou en parella, o 25% están interesados pola cultura e o 25% no ocio en xeral (25%). Estes visitantes, con idades comprendidas entre os 35 e 60 anos (53%), chegan ata as Rías Baixas en coche e alóxanse en hoteis (51%) por un período medio de 7 a 15 días (41%).
Un dato que chama a atención é que o 70% dos visitantes non coñecían o destino antes de chegar a Pontevedra neste mes de xullo, unha circunstancia que anima ás distintas institucións a mellorar o seu traballo de difusión do destino.
Relacionadas:
-
Do termalismo ao deporte e a Semana Santa, o turismo nas Rías Baixas colgará o cartel de completo
Por Redacción |
-
Pontevedra e O Salnés unen as súas forzas para potenciar as Rías Baixas como destino turístico
Por Alejandro Espiño |
-
Turismo Rías Baixas sitúa no 89,2% a ocupación hoteleira do mellor mes de agosto na provincia
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Xullo pechouse na cidade cun 24% máis de turistas
Por Redacción |
-
Que é o que fai grande a Pontevedra?
Por Alejandro Espiño |
-
Poio bate récord de turistas cun 85% de ocupación hoteleira na segunda quincena de xullo
Por Redacción |
-
O sector turístico de Sanxenxo bateu récords no mes de xullo
Por Oskar Viéitez |