Nova vida para o xacemento do Castro das Croas
Por Redacción
Os traballos de consolidación das estruturas arqueolóxicas do xacemento do Castro das Croas, en Salcedo, están rematados e este sábado recibieron a visita de representantes veciñais da parroquia e do concelleiro de Patrimonio histórico, Luís Bará.
O Castro das Croas é o único asentamento castrexo da transición Bronce-Ferro nas proximidades de Pontevedra e está considerado o corazón arqueolóxico do municipio, de modo que unha vez rematadas estas actuacións, o proxecto irase completando coa incorporación dunha sinalización acaída e de paneis indicativos e informativos para continuar a pór en valor este castro.
Segundo recolle a memoria da intervención, escavouse unha parte que deixou á vista unha potente muralla, pouco común en castros desta época, e unha cabana circular. A muralla ten doce metros de lonxitude e conserva unha altura aproximada dun metro e medio e un espesor medio que oscila entre 180 e 210 centímetros. A estrutura da cabana ten uns corenta centímetros de ancho e sete metros de circunferencia e apenas conserva unha fileira de mampostería do seu nivel de cimentación.
O criterio adoptado para a consolidación foi o de mínima intervención. A muralla limpouse e consolidouse a súa estrutura empregando morteiro de cal de pigmentos naturais e incorporando elementos similares aos orixinais da muralla para evitar derrubes. O traballo de limpeza completouse cun lavado da superficie con auga, cepillo e esponxa natural. Nalgunhas zonas, para evitar empozamentos, púxose unha primeira capa de grava e, ao finalizar, sementouse céspede.
A cabana está sen rematar de escavar. Nesta estrutura engadíronse unha ou dúas fileiras de pedras, dependendo do conservado. Para unha rápida identificación no futuro ou por se unha vez completada a escavación detéctase algún erro de reconstrución, interpúxose entre o orixinal e o engadido unha lámina téxtil e lousa.
O resto da estrutura á vista tapouse e cubriuse con grava para evitar que se destape e ralentizar o crecemento de vexetación. Para conter a grava realizouse un cordón de morteiro que tamén serve para dar forma á estrutura completa, xa que trata de seguir o perímetro exterior da cabana.
Relacionadas:
-
Inician os traballos para consolidar os achados no Castro das Croas
Por Redacción |
-
Continúan as actividades para difundir o Castro das Croas
Por Redacción |
-
O Castro das Croas emerxe de entre as silveiras
Por Redacción |
-
A Deputación recorre ao 1% cultural para financiar a recuperación de 16 castros pontevedreses
Por Alejandro Espiño |
-
Buscan poñer en valor Tomeza e Salcedo, a "milla de ouro" arqueolóxica e natural de Pontevedra
Por Redacción |