Piden a inscrición do eucalipto no Catálogo de Especies Exóticas e Invasoras
Por Oskar Viéitez
Silvia Díaz Iglesias, concelleira non adscrita do Concello de Poio, ven de rexistrar unha moción para o seu debate e votación no pleno ordinario do vindeiro martes na que pide a inscrición do eucalipto no Catálogo de Especies Exóticas e Invasoras.
A moción expón a situación do monte galego debida ao avance descontrolado do eucalipto, que ocupa na actualidade 400.000 hectáreas, no caso do municipio supón que o 80% do terreo forestal de Poio son plantacións de eucalipto, especie alóctona.
Segundo a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura), o eucalipto "non regula tan ben o caudal hídrico coma os bosques naturais, as fortes e longas raíces superficiais fan que compitan coa vexetación e cos cultivos próximos. Os eucaliptos non conteñen a erosión en condicións de seca, rematan coa vexetación absorbendo a auga coas súas raíces. A tala continuada de eucaliptos orixina un rápido esgotamento dos nutrientes do solo e impide o desenvolvemento de prantas de ciclo anual. Os eucaliptos desprazan os ecosistemas anteriores e reducen a biodiversidade".
A proposta desta moción é solicitar do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño a inscrición do eucalipto no Catálogo de Especies Exóticas e Invasoras, "xa que se extende polo noso territorio degradando o chan e impedindo o normal e natural desenvolvemento do bosque galego".
A moción de Silvia Díaz inclúe ademais a aprobación dunha serie de medidas para regular o cultivo desta especie, "co fin de poñer freo ao avance descontrolado e encamiñadas á progresiva recuperación dos nosos hábitats naturais e da nosa paisaxe propia".
Por último, na moción proponse que o pleno da corporación aprobe a declaración: "Menos eucalipto e máis biodiversidade" nos seguintes termos: "Co fin de frear o esgotamento e desertización do solo e a ameaza ecolóxica que a especie exótica do eucalipto supón para os nosos ecosistemas, o Concello de Poio declárase a prol da biodiversidade, do mantemento, conservación e recuperación sostible da flora e a fauna autóctona da nosa terra".
Relacionadas:
-
Un grupo de mozos eliminou plantas invasoras da duna de Baltar
Por Oskar Viéitez |
-
Anova Terra culpa a Xunta de deixar que Ence marque a política forestal espallando o eucalipto
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Os eucaliptos do castelo de Soutomaior teñen as horas contadas, comezou a talla
Por Redacción |
-
A Deputación tallará os 333 eucaliptos da leira do Castelo de Soutomaior
Por Oskar Viéitez |
-
60 colectivos esixen "eucalipto cero, como en Europa"
Por Oskar Viéitez |