Os veciños do Burgo contarán cun novo local social en Pasarón
Por Alejandro Espiño
O proxecto técnico para o acondicionamento dun novo local social para os veciños do Burgo no estadio de Pasarón está xa ultimado. O concelleiro Demetrio Gómez presentou este mércores os detalles dunha actuación que o goberno considera "imprescindible" para completar a rede de centros sociais do municipio.
O local que se destinará aos veciños do barrio está situado na esquina que forman as bancadas de Tribuna e Sur. Son, en total, 460 metros cadrados repartidos en dúas plantas e unha nova entrada, que será independente á do campo.
Demetrio Gómez explicou que o proxecto, redactado polo arquitecto Galo Zallas -responsable do deseño do estadio- recolle as necesidades expostas polos veciños nas reunións previas. Ademais, realizouse unha visita ao campo co Pontevedra para "ver o uso que lle dá" e encaixar ambos os puntos de vista.
Nos 227 metros cadrados que terá de soto, os veciños contarán con varios almacéns para gardar material, mentres que nos 184 metros habilitados na planta principal haberá unha zona de estancia, na que poder organizar reunións e charlas, e dúas aulas para cursos, unha con capacidade para unhas cen persoas. Tamén se instalará unha pequena cociña.
A actuación inutilizará varias portas que daban ao estadio e manterá, aínda que sen poder abrirse desde fóra, unha saída de emerxencia cara a Tribuna.
Ademais, substituirase unha escaleira metálica no acceso de Sur por outra "máis estética e máis segura" para as persoas que acudan a Pasarón.
O Concello presentará este proxecto aos veciños do Burgo nunha reunión que se celebrará este xoves, ás 19.30 horas, no barrio.
Relacionadas:
-
O estadio de Pasarón adáptase para acoller o Centro Social do Burgo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Doce empresas optan a construción do futuro Local social do Burgo
Por Redacción |
-
O novo centro social do Burgo en Pasarón terá un orzamento de 639.000 euros
Por Redacción |
-
Tino Fernández, "estupefacto" coa designación do arquitecto da obra do novo local social do Burgo
Por Redacción |
-
Pasarón regresa a mans do Concello, cinco anos despois de concluír as obras
Por Alejandro Espiño |