Adeus aos contedores de lixo soterrados na rúa Almuíña
Por Redacción
Os desbordamentos de lixo nos colectores da rúa Almuíña, en Marín, comezaban a ser unha imaxe cotiá no entorno da Alameda, sobre todo polo aumento de locais de hostalaría na zona. De aí, que o Concello de Marín optara por substituílos.
De acordo coa empresa concesionaria, Recolte, o goberno municipal procedeu a retirar os colectores soterrados e cambialos por colectores de carga lateral.
Marín recorda que os colectores subterráneos colocáronse en moitos concellos como Moaña, Bueu ou Cangas hai uns 15 anos, pero pouco a pouco e debido aos problemas que xeraban foron retirados.
En Marín actualmente hai tres puntos con estes contedores, a rúa Almuíña, a rúa do Sol e a entrada do parque infantil da Alameda. Os primeiros están sendo tapados, xa que a pesar de que ocupan moito máis espazo no seu soterramento teñen menos capacidade que os de carga lateral.
Ademais, neles non había posibilidade de reciclar vidro debido á falta de espazo, xa que para aumentar a capacidade da illa habería que ter eliminado a zona axardinada da alameda, procedendo á talla de numerosas árbores e plantas.
Decidiuse cubrir cunha lousa de formigón os ocos dos colectores, deixando rexistros de acceso por se fora necesario para futuros usos.
Na zona vanse colocar colectores suficientes para asumir o lixo da zona e serán integrados cos xardíns da Alameda, a través da empresa marinense Innova Paisajes, que tamén estes días está traballando no embelecemento do entorno das escaleiras de Ezequiel Massoni a Raposeiras.
Relacionadas:
-
O Goberno local de Marín valora positivamente o primeiro ano de Recolte como adxudicataria do servizo do lixo
Por Oskar Viéitez |
-
Marín achaca o aumento da reciclaxe no municipio aos novos contedores
Por Redacción |
-
Intervención paisaxística para disimular os colectores na contorna da Alameda
Por Redacción |
-
Marín estreará en dous meses o novo sistema de colectores de lixo
Por Redacción |
-
Marín contará con novos colectores de lixo
Por Oskar Viéitez |