A narco avogada Tania Varela será xulgada na Audiencia a principios de 2019
Por Natalia Puga
A avogada arousá Tania Varela Otero, que durante anos figurou como a única muller na lista de 70 fuxitivos máis buscados de Europol e foi finalmente detida o pasado marzo na localidade catalá de Vilanova i a Geltrú, será xulgada por primeira vez en Galicia a principios do próximo ano 2019. Será por unha acusación por branqueo de capitais que a levará ao banco dos acusados da Audiencia de Pontevedra.
A narcoavogada debe render contas por un delito que xa foi xulgado pola Sección Cuarta da Audiencia pontevedresa e polo que xa resultaron condenados outro cinco acusados, que chegaron a un acordo de conformidade coa Fiscalía que evitou a celebración da vista oral en febreiro de 2015. Entre os condenados estaba David Pérez Lago, fillastro do coñecido narcotraficante Laureano Oubiña e parella de Varela durante anos, pero tamén María del Carmen Otero Romay; a noiva de Pérez Lago, Ana Isabel Briz Martín; a nai desta, Virginia Martín Sánchez; e o seu primo e persoa de confianza, Juan Manuel Peón Daponte.
Os cinco foron condenados coa súa conformidade por poñer en marcha "todo un armazón empresarial ficticio" para poder ocultar o importante patrimonio obtido do tráfico de drogas. A peza principal do armazón sería Pérez Lago, xa condenado en dúas ocasións por delitos relacionados co narcotráfico e que nesta causa aceptou tres anos de prisión e o pago dunha multa dun millón de euros. Estas son o resto de condenas.
A causa xudicial que acabou na condena destas cinco persoas incluía inicialmente a Tania Varela, pero na súa recta final xa non se seguiu contra a súa persoa porque se atopaba fuxida. Esa fuga prolongouse durante sete anos, entre 2011 e 2018, de modo que a causa instruíuse e xulgou na súa ausencia. Esta circunstancia non evita que aínda teña pendente render contas por eses feitos, por iso é polo que agora se vaia a celebrar unha nova vista oral no principio do ano.
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial aínda non fixou a data para ese novo xuízo, pois leva dous meses con toda a actividade practicamente paralizada para poder desenvolver o macro xuízo do coñecido como casos dos Miguelianos. En todo caso, fontes xudiciais consultadas confirmaron que será no primeiro trimestre do ano e que a Fiscalía Antidroga pide que sexa condenada a tres anos de prisión.
Tania Varela (Cambados, 1974) fíxose coñecida como avogada de coñecidos narcotraficantes do Salnés e posteriormente pola relación que mantivo con David Pérez Lago. Pouco despois, ela mesma pasou a protagonizar operacións de narcotráfico e no ano 2006 foi detida nunha operación contra o tráfico de drogas pola que no ano 2013 foi condenada a sete anos de prisión pola súa relación cun alixo de 2.000 quilos de cocaína. A condena chegoulle cando xa estaba fuxida da Xustiza. A narcoabogada, de 44 anos, tiña tres ordes de detención diferentes polos delitos de tráfico de drogas e branqueo de capitais.
No primeiro trimestre do ano tamén se xulgará na Audiencia Provincial de Pontevedra outro xuízo por branqueo de capitais procedentes do narcotráfico contra outro coñecido capo da zona do Salnés, Rafael Bugallo Piñeiro, coñecido como O Mulo, que sentará no banco xunto a membros da súa familia.
A lista de vistas orais previstas no inicio de 2019 tamén inclúe outro xuízo relacionada co mundo da droga. A Sección Cuarta da Audiencia xulgará o 21 de marzo o rapto do pontevedrés José Bernardo Villaverde Amil, que se considera que foi vítima dun axuste de contas relacionado co narcotráfico.
O xuízo sentará no banco dos acusados a catro veciños de Arousa por supostamente acudir ao domicilio de Villaverde Amil no barrio pontevedresés de Monte Porreiro o 19 de novembro de 2010 e, tras atoparse con el ás portas da casa, levarllo nun coche, custodiado por outros dous vehículos no que viaxaban parte dos procesados. A Fiscalía sostén que os catro acusados reuníronse o día anterior en Santiago de Compostela "para realizar os preparativos da captura e desaparición". Villaverde Amil nunca regresou.
Relacionadas:
-
Unha desaparición en Monte Porreiro que, nove anos despois, mira cara a Bolivia para atopar respostas
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Tania Varela, condenada por branqueo de capitais a un ano e oito meses de prisión
Por Natalia Puga |
-
Solicitan arquivar a causa pola desaparición forzosa dun suposto narco ante a ausencia da súa esposa, testemuña crave
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Tania Varela pide ao tribunal que a xulga por branqueo de capitais "una sentencia justa" e que se declare a súa inocencia
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Tania Varela, a 'narcoabogada' que sinte "rechazo" polo narcotráfico
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O ocaso dos vellos narcos: caen Sito Miñanco, Manuel Charlín e Tania Varela
Por Natalia Puga |
-
A caída de Tania Varela ou "cómo muchas veces el dinero interrumpe capacidades de las personas"
Por Natalia Puga & Gabriela Varela Asorey |
-
Os Mossos deteñen á narcoavogada arousá Tania Varela
Por Natalia Puga |
-
O xuízo de "Machucho" desvela vocabulario dos narcos para esquivar as escoitas telefónicas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Audiencia xulga catro acusados de traficar con haxíx vencellados a "Pelopincho"
Por Redacción |
-
SOS: Búscanse noticias de José Bernardo Villaverde Amil tras seis anos desaparecido
Por Natalia Puga |
-
O fillastro de Oubiña ratifica un acordo co fiscal para cumprir tres anos de prisión por branqueo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |