Para as últimas Conversas na Ferrería deste ano propuxemos a catro profesionais do sector da publicidade, a comunicación e o márketing que nos acompañasen para facer un repaso polas campañas do Nadal que máis éxito están a ter nestas datas de 2018.
Esther Bailón, socia de Era Comunicación; Berta Nogueira, xerente de AB Comunicacións; Alberto Garnil, director de Iconweb e Natalia González, socia de Sra Nona, charlan desde o punto de vista profesional e desde o persoal.
A presenza da internet e das redes sociais supón un cambio nas estratexias e resultados destas campañas. Os medios convencionais xa non son a única vía de chegar ao consumidor, quen ademais agora pode interactuar co anunciante e ser igualmente outro elemento difusor, para beneficio ou para prexuízo da marca.
Sobre a mesa van desfilando marcas tradicionaisen Nadal que idearon propostas diferentes como foi Freixenet ou El Almendro. Outras desas marcas tradicionais buscaron o revival recuperando slogans ou músicas, pero incorporando elementos actuais como Famosa, ou Coca Cola.
Entre o revival e a innovación, destácase a campaña deVolkswagen que recupera neste 2018 ao famosísimo protagonista de "Hola soy Edu... feliz Navidad". En casos como Loterías ou a galega Gadis, manteñen as súas ' leit motiv' con outras historias. Non pasamos por alto vídeos contundentes para chamar a atención sobre a realidade social como fai Cruz Vermella.
Apelar aos sentimentos, a emotividade é circunstancia omnipresente nestas campañas. Exemplos que sacamos en PontevedraViva Radio con Mediamarkt, Leite Pascual, Toys R Us, Apple, ou a británica John Lewis & Partner que viralizou a Elton John. Sen dúbida, a máis exitosa e case unánime para os invitados desta ocasión foi a lanzada pola marca galegaRuavieja e o seu 'Temos que vernos máis'. Exitosa ata o punto que a marca decidiu dirixir a actuación para pagar billetes de autobús para facer efectivo o lema.
Outra das campañas máis compartidas e virales deste Nadal é a de Ikea apelando a 'desconectar para volver conectar'. A última en chegar, esperada e que igualmente está a subir como a escuma é a de Campofrío. É a segunda mellor campaña entre os tertulianos. Sitúanos en LOL, a tenda do humor. A empresa volveu a contar con actores e humoristas españois para lembrarnos, non exentos de boa dose de crítica social, que o humor é artigo de primeira necesidade.