Defensa e comuneiros, enfrontados pola cuantía do canon a pagar polos terreos da Brilat
Por Oskar Viéitez
O Ministerio de Defensa e a comunidade de montes de Salcedo manteñen posturas enfrontadas pola cuantía do canon a pagar polos terreos que ocupa a base da Brilat en Figueirido.
Este mércores arrincaron as negociacións que encabeza polo Ministerio o Director xeral de Infraestructuras, o tenente xeral do Exército do Aire, Eduardo Zamarripa, e unha representación dos comuneiros de Salcedo co seu presidente, Fernando Pintos, á fronte.
Como era previsible nesta primeira toma de contacto a reunión terminou sen acordo aínda que se deron importantes pasos para aclarar o futuro da base General Morillo despois de que a Audiencia Provincial de Pontevedra recoñecese en sentenza firme, que os veciños son propietarios da práctica totalidade dos terreos.
Esa compensación por ocupar os terreos, ou canon, tería un carácter anual a cambio dunha cláusula de continuidade que garanta un futuro estable para a Brilat.
Nunha reunión "moi longa" que se prolongou ata as catro da tarde estudouse a proposta dos comuneiros de cesión de terreo "en canto os aspectos técnicos estamos completamente de acordo", sinalou Pintos "pero cando tocamos o tema económico do canon aí é onde aparecen importantes diferenzas".
"As cantidades que eles ofertan e as nosas se alonxan bastante"
"As cantidades que eles ofertan e as nosas se alonxan bastante", asegurou o presidente dos comuneros de Salcedo. Estas discrepancias veñen motivadas ao manexar distintas fontes oficiais ás que cada parte acudiu, Ministerio e comuneiros, na valoración dos terreos e polo tanto na cuantificación do canon.
Ao término da reunión os responsables de Defensa e os comuneiros comprometéronse en volver revisar estes datos para aproximar as súas posturas noutra reunión, que será convocada unha vez que se reúnan estas novas cantidades.
Os comuneiros foron convocados en asemblea para este sábado en Salcedo onde se concretarán os datos económicos.
De calquera modo ao remate da reunión o presidente da Comunidade de Montes de Salcedo mostrouse convencido de que a Brilat "vai seguir onde está, xa que amosaron a súa vontade de chegar a un acordo e están facendo todos os seus estudos para continuar en Pontevedra.
Simplemente estamos nunha negociación e un quere pagar menos e outro máis, como é lóxico e lexítimo. Sobre a permanencia, ese asunto, está completamente zanxado", concluíu Fernando Pintos.
Relacionadas:
-
A Brilat estuda "seriamente" abandonar Pontevedra ao entender que o acordo con Salcedo é "imposible"
Por Alejandro Espiño |
-
Vilaboa confía en que o Supremo ratifique a titularidade veciñal dos terreos da Brilat
Por Oskar Viéitez |
-
Os comuneiros de Salcedo derrubarán a aldea afgana edificada pola Brilat nos seus montes
Por Redacción |
-
O monte de Salcedo esquece as prácticas bélicas para converterse nun espazo de paseo
Por Redacción |