A Deputación selecciona persoal para unha bolsa de emprego de mestres composteiros
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra vai iniciar un proceso de selección de persoal para crear unha bolsa de emprego de mestres composteiros en prácticas ao abeiro do Plan Revitaliza.
A convocatoria para a bolsa, que terá 40 prazas, cubrirase por concorrencia competitiva segundo as bases que publicará este venres o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
O proceso de selección do novo persoal para xestionar os centros de compostaxe comunitaria que están instalados na provincia desenvolverase en tres fases: unha primeira cun exercicio tipo test, de carácter obrigatorio e eliminatorio sobre residuos orgánicos de orixe doméstica e a organización e funcionamento de concellos e deputacións; una segunda consistente nunha entrevista persoal obrigatoria pero non eliminatoria; e unha terceira que consistirá na superación dun curso de formación de maestría en compostaxe organizado pola Universidade de Vigo no que se deu en chamar a "Facultade da compostaxe" durante un prazo de seis semanas.
A previsión provincial é realizar 20 contratos en prácticas a partir do mes de xuño de 2019, quedando o resto de persoas formadas na bolsa de emprego para ir atendendo posteriormente as necesidades do plan provincial de compostaxe. A duración dos contratos en prácticas será dun ano prorrogable a outro ata un máximo de dous exercicios, cunha retribución no primeiro ano do 60% do salario do grupo C1 da Deputación (1.092,77 euros/mes brutos) e do 75% o segundo (1.365,96 euros/mes brutos).
As persoas aspirantes deberán estar en posesión do título de Formación Profesional de grao superior como persoal técnico en Xestión Forestal e do Medio Natural, Paisaxismo e Medio Rural, Laboratorio de Análises e Control de Calidade, Educación e Control Ambiental, Xestión e Organización dos Recursos Naturais e Paisaxísticos, ou Química Ambiental, sendo requisito que non transcorresen máis de cinco anos dende a terminación dos estudos.
O prazo de presentación das solicitudes para participar na convocatoria de selección para a bolsa de emprego é de dez días naturais contados desde o día seguinte ao publicación da convocatoria no BOPPO, prevista para este venres, polo que o día 15 de abril será o derradeiro.
Relacionadas:
-
Só dous ciclos de FP teñen as prazas esgotadas antes do peche do segundo período de matriculación
Por Manu Otero |
-
A cuarta promoción da "Facultade da compostaxe" comeza a súa formación
Por Redacción |
-
Escolares do CEIP San Tomé de Cambados comproban como nace unha miñoca e o seu labor para crear compost
Por Redacción |
-
Mosquera, convencido de que en dous ou tres anos a compostaxe vai ser un modelo "mundial"
Por Redacción |
-
O presidente de Illa de Príncipe, onde veranean Brad Pitt e Bill Gates, interesado no plan de compostaxe pontevedrés
Por Anxo Lourido |