Paralizan o plan de transporte da Xunta ante as "deficiencias" denunciadas polo sector
Por Alejandro Espiño
O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia decretou a suspensión cautelar do plan de transporte da Xunta de Galicia. Fíxoo a petición de catro federacións de empresas de transporte de viaxeiros, que denunciaron "deficiencias" no procedemento.
Este tribunal, que supervisa a legalidade de todos os procesos de contratación dos organismos públicos, aceptou a medida solicitada polas federacións Anetra, Fegabús, Fegatravi e Transgacar, que apreciaron que a valoración económica para a contratación das novas liñas non é adecuada. Todas elas estudan presentar un recurso a esta licitación.
Esta resolución, asinada o pasado 26 de abril, paraliza temporalmente un proceso mediante o que o goberno galego sacara a licitación os 100 primeiros contratos para reordenar as liñas de transporte que operan en Galicia. Seis deses contratos, que abarcan un total de 166 liñas, son para Pontevedra, Marín, Poio, Vilaboa, Sanxenxo, Ponte Caldelas e A Lama.
Os contratos relativos a Pontevedra e a súa área de influencia están valorados nuns 4,5 millóns de euros anuais.
A intención da Xunta era que os novos contratos puidesen entrar en vigor en agosto. O resto do plan de transporte de Galicia, uns 50 contratos máis, tiñan previsto saír a exposición pública en xuño.
En todo caso, ante a decisión do Tribunal Administrativo de Contratación Pública, a Xunta de Galicia asegura que non se opón a esta medida cautelar para dar ás empresas a "máxima seguridade xurídica" e solicitou que esta suspensión afecte tamén o prazo de presentación de ofertas, que finalizaba o próximo 3 de maio. Esta petición foi aceptada.
Relacionadas:
-
A Xunta impoñerá o bus urbano en Pontevedra e descontarallo ao Concello
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta lémbralle ao Concello que Europa obriga a licitar as concesións de transporte interurbano neste 2019
Por Redacción |
-
Un informe municipal alerta das "carencias" do Plan de Transporte da Xunta, que mete buses por zonas peonís
Por Natalia Puga |
-
A Xunta esixirá que Pontevedra pague o bus a Monte Porreiro e os tramos urbanos do resto
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |