Os políticos locais coinciden en sinalar a "importancia" de votar este domingo
Por Alejandro Espiño
Todos os políticos coinciden. Estas eleccións o 28 de abril serán "claves" para o futuro de España e de Galicia. Por iso, hai unha petición por encima de todas: un chamamento á participación. Durante o seu paso polos colexios electorais animaron aos pontevedreses a exercer o seu dereito para elixir os seus representantes no Congreso e no Senado.
Ás doce do mediodía, como é habitual nela, acudía ao colexio de Campolongo a candidata do Partido Popular ao Congreso por Pontevedra, Ana Pastor, que animou ao voto dos cidadáns para que "todos los españoles dibujemos el futuro que queremos para nuestras familias".
A candidata popular, que votou tras un cuarto de hora de espera ante a masiva afluencia de electores ao seu colexio, destacou que esta alta participación "es muy positiva" porque demostra que os cidadáns "quieren decidir lo mejor para su futuro" e asegurou que "no hay mejor modo de pensar y de escribir el futuro que votando".
Pastor acudiu a votar acompañada, entre outros, do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e explicou que o resto da xornada, incluído o reconto, pasaraa "con mis compañeiros de partido" en Pontevedra. "Ya saben ustedes que yo no me muevo de aquí" neste tipo de citas electorais, dixo.
Carme da Silva, pola súa banda, votou no centro social do Gorgullón. A candidata do BNG ao Congreso por Pontevedra fíxoo ás dez da mañá acompañada do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que xa exercera o seu dereito unha hora antes en Marcón.
Para este domingo, sinalou Da Silva, espera que os resultados das eleccións xerais "cumpran as expectativas" da sociedade galega e que ao final da xornada "podamos celebrar" que foron "os que necesita este país".
A xornada electoral seguiraa en Santiago, na sede nacional do BNG, para seguir o reconto xunto aos seus compañeiros da executiva autonómica. "Virei a Pontevedra en canto me deixen", engadiu.
En Vigo centrou a súa actividade a candidata de En Marea por Pontevedra, Iris Malvido, que a pesar de votar por correo quixo achegarse a un dos colexios, no pavillón de As Travesas, para apelar á participación e á "ilusión" ante esta xornada electoral.
Malvido lembrou todo o que se xogan os galegos nestas eleccións para "frear ás dereitas" e garantir un futuro "feminista e xusto" para un Estado "que non deixe a ninguén atrás", porque lembrou que "non hai Galicia B nin planeta B".
Desde Vigo a tamén candidata ao Congreso, neste caso polo PSOE, Olga Alonso, animou á participación dos pontevedreses nestas eleccións, xa que considera que estamos ante un "día importantísimo para a democracia".
Na cidade olívica tamén votou a candidata de Cidadáns ao Congreso por Pontevedra, Beatriz Pino. No seu caso, no colexio electoral da Casa das Artes. "Estamos aquí para acabar con el miedo, la resignación y para dar un futuro a España", indicou ante os medios de comunicación, tras animar a todos os cidadáns a votar en "un día histórico, ya que van a cambiar las cosas".
A líder de Cidadáns comerá coa súa familia e despois trasladarase ao Hotel Tryp en Santiago de Compostela para seguir o reconto electoral
Pola súa banda, a candidata de En Común-Unidas Podemos, Yolanda Díaz, foi a única non votou por si mesma. Fíxoo na súa cidade, en Ferrol. Desde alí fixo un chamamento á "mobilización masiva" nesta xornada electoral, xa que considera "clave" acudir ás urnas porque "se nós non votamos, outros van votar por nós".
"Se a xente nova se mobiliza pode dicir ou futuro do noso país, facer historia. Que todo o mundo vaia votar e que a xornada transcorra con tranquilidade", engadiu Díaz.
Ademais dos principais candidatos a estes comicios xerais, outros representantes políticos tamén madrugaron para votar. Así, o candidato do PP á Alcaldía, Rafa Domínguez, fíxoo ás nove e media da mañá no colexio Álvarez Limeses, acompañado da súa esposa e do seu fillo; mentres que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, facía o propio ás once da mañá no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
Entre os líderes socialistas, os candidatos ao Congreso e ao Senado Guillermo Meijón e Marica Adrio votaron no Arquivo Provincial e no colexio Juan XXIII respectivamente a partir das once da mañá; mentres que a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, fíxoo sobre as doce no colexio Álvarez Limeses; e o candidato á Alcaldía, Tino Fernández, ás 10.30 horas no albergue de peregrinos.
Polas urnas pontevedresas tamén pasou Ángela Rodríguez, número 2 de En Común-Unidas Podemos, que votou á unha da tarde no colexio Froebel.
Relacionadas:
-
Cidadáns e Galicia En Común Podemos repiten cartel para as xerais do 10 N
Por Redacción |
-
A Xunta Electoral pide á Fiscalía que investigue a ausencia inxustificada de tres presidentes de mesa o 28A
Por Redacción |
-
Caras longas no PP de Pontevedra: Ana Pastor pide unha "reflexión" no partido
Por Alejandro Espiño |
-
Histórica vitoria do PSOE sobre o PP, entran Podemos e Cidadáns e BNG e En Marea quedan fóra
Por Alejandro Espiño |
-
Normalidade absoluta e unha alta participación, claves da xornada electoral en Pontevedra
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Día de reflexión entre os políticos antes da "crucial" xornada electoral do domingo
Por Alejandro Espiño |
-
O voto por correo dispárase: 16.254 pontevedreses xa enviaron a súa papeleta
Por Redacción |
-
Recta final para o 28A: o operativo de seguridade, condicionado polas baixas da Policía Local e o ITU
Por Natalia Puga |