Histórica vitoria do PSOE sobre o PP, entran Podemos e Cidadáns e BNG e En Marea quedan fóra
Por Alejandro Espiño
Confirmáronse os prognósticos. O PP deixou de ser o partido máis votado na provincia de Pontevedra. As eleccións xerais do 28 de abril deron un cambio histórico ás preferencias dos pontevedreses. O PSdeG-PSOE converteuse na primeira forza, ao lograr tres deputados e un 32,30% dos votos.
Logrouno impulsado, seguramente, pola elevada participación nestas eleccións. Votaron o 75,09% dos pontevedreses chamados ás urnas. Son catorce puntos máis que nos últimos comicios xerais, celebrados en 2016.
Este resultado, que levará aos socialistas Olga Alonso, Guillermo Meijón e Ángeles Marra ao Congreso, fai recuperar os tres deputados que o PSOE non lograba desde 2008 -coa segunda vitoria de José Luis Rodríguez Zapatero- e supón a súa primeira vitoria electoral en Pontevedra desde a chegada da democracia.
A responsable local do PSOE, Maica Larriba, recoñeceu estar "enormemente satisfeita" por este resultado, especialmente tras unha campaña na que os socialistas traballaron en "condicións moi duras" tras a decisión do Estado sobre Ence. Os cidadáns, celebrou, "confían no proxecto do PSOE" e espera que sirva de "empurrón" para as municipais de maio.
"Non podemos máis que agradecer esa confianza que teñen depositado en nós e que poden estar seguros que non imos defraudalos", engadiu Larriba, que entende que a vitoria de Pedro Sánchez demostra que a sociedade española "non quere saber nada do pasado e o que quere é mirar para o futuro".
O PP, pola súa banda, queda con tan só dous deputados. Serán Ana Pastor e Diego Gago. O 25,01% que obtivo nestas eleccións -trece puntos menos que hai tres anos- é o seu peor resultado histórico. Nunca antes fora superado polo PSOE en Pontevedra.
Outro deputado -neste caso deputada con Yolanda Díaz- obtén a coalición En Común-Unidas Podemos, tras lograr o 17,50% dos votos escrutados.
O último deputado en liza, pola súa banda, é para Cidadáns. A súa candidata por Pontevedra, a viguesa Beatriz Pino, será a súa representante. Obtivo un 11,06% dos votos.
Fóra da repartición dos sete deputados que corresponden a Pontevedra quedan, por tanto, BNG e VOX, que aspiraban a lograr polo menos un asento no Congreso. Nin a candidatura de Carme da Silva (5,58% dos votos -case o doble da última cita electoral-) nin a de Antonio Budiño (4,73% dos votos) convenceron a suficientes electores para ter presenza en Madrid.
Por baixo destes dous partidos quedaron o resto de candidaturas, entre elas, a En Marea encabezada por Iris Malvido (1,16% dos votos), superada inclus por Pacma, que se quedou nun 1,17 % dos votos; ou Compromiso por Galicia, cun 0,14 % de apoios entre os pontevedreses.
Os resultados completos para o Congreso pódense consultar na web do Ministerio do Interior.
SENADO
A vitoria socialista estendeuse tamén ao Senado. Para eles serán tres dos asentos da Cámara Alta, para o histórico dirixente arousán Modesto Pose, a pontevedresa Marica Adrio e Daniel Chenlo. Os tres foron os máis votados, por ese mesma orde, nestas eleccións do 28 de abril.
O cuarto escano en liza pérdeo En Marea, que o lograba en 2016, e quédallo o PP. Será para o vigués Miguel Fidalgo, o candidato popular ao Senado que logrou máis apoio. Non poderán acompañalo nin a pontevedresa Pilar Rojo nin Salvador González Solla.
Do resto de candidatos fóra de PSOE e PP, o maior número de apoios foi para a tamén pontevedresa Vanessa Angustia, ata agora senadora por En Marea e que nesta cita coas urnas concorría por En Común-Unidas Podemos.
Os resultados completos para o Senado pódense consultar na web do Ministerio do Interior.
Relacionadas:
-
Votar unha e outra vez para que (case) nada cambie
Por Alejandro Espiño |
-
A tradicional pegada de carteis abre a campaña para as segundas eleccións xerais de 2019
Por Natalia Puga & Diego Torrado |
-
Cidadáns e Galicia En Común Podemos repiten cartel para as xerais do 10 N
Por Redacción |
-
Ana Pastor non encabezará a lista do PP por Pontevedra para o 10N: será número 2 por Madrid
Por Redacción |
-
A Xunta Electoral pide á Fiscalía que investigue a ausencia inxustificada de tres presidentes de mesa o 28A
Por Redacción |
-
Gaña o PP entre os pontevedreses residentes no estranxeiro
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
En Pontevedra, PP e PSOE len o resultado das eleccións xerais en clave de ENCE
Por Redacción & Oskar Viéitez |
-
Comisións Obreiras non se sinte "golpeada" pola vitoria do PSOE e manterá a campaña a favor de Ence
Por Nacho Fuentes & Anxo Lourido |
-
Caras longas no PP de Pontevedra: Ana Pastor pide unha "reflexión" no partido
Por Alejandro Espiño |
-
Normalidade absoluta e unha alta participación, claves da xornada electoral en Pontevedra
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Os políticos locais coinciden en sinalar a "importancia" de votar este domingo
Por Alejandro Espiño |