Nove propostas para acondicionar o novo parque forestal da Tomba
Por Redacción
Ata nove empresas presentaron as súas ofertas para executar o acondicionamento do novo parque forestal da Tomba, na parroquia de Campañó.
Será o segundo parque forestal de Pontevedra e terá unha superficie de 67,98 hectáreas cedidas pola comunidade de montes ao Concello por un período de 30 anos.
Todas as ofertas presentadas supoñen unha importante baixada con respecto ao prezo de licitación, fixado en 441.754 euros. Oscilan entre os 354.066 euros da empresa que ofreceu facelo por menos custe e os 421.201 euros da oferta máis elevada.
As empresas que optan a este contrato son Redenor, Otero Forestal, Elsamex, Seanto, Servitec Medioambiente, Galega de actuacións no rural, Arines obras y proyectos, Narom, Movimientos de áridos y construcciones de Arosa e Marconsa.
Da superficie total do parque forestal, 17 quilómetros serán de sendas. Delas, 1,1 quilómetros poderán ser transitados ocasionalmente por vehículos e 15,9 serán para peóns e de convivencia, segundo os tramos, con ciclistas de paseo.
Estará formado por 22 hectáreas de souto, 20 hectáreas de frondosas (castiñeiros e carballos), 3 hectáreas de oliveiras e 15 hectáreas de bosque mixto.
Na parte alta terá un miradoiro feito sobre unha antiga torre de vixía derruída e outro sobre un espazo de rochas, con vistas sobre Pontevedra e a súa ría.
O proxecto busca unha mellora substancial dos usos sociais e ambientais deste espazo coa creación e mellora de sendas, plantacións de especies autóctonas e a eliminación de plantas invasoras, especialmente acacias e eucaliptos, que dean maior valor ecolóxico á zona de intervención ou áreas para a práctica deportiva e zonas de xogos.
Relacionadas:
-
O parque forestal da Tomba estará acondicionado en decembro
Por Alejandro Espiño |
-
Comezan os traballos de creación do segundo parque forestal de Pontevedra: A Tomba
Por Redacción |
-
Os traballos para acondicionar o parque forestal da Tomba durarán ata 2020
Por Alejandro Espiño |
-
Propoñen empregar parte da Tomba como refuxio de cabalos
Por Redacción |
-
O parque forestal da Tomba abarcará finalmente 83 hectáreas
Por Alejandro Espiño |