Os ratos campan ás súas anchas entre o lixo que se acumula no entorno do Teatro Principal
Os hostaleiros da contorna do Teatro Principal están fartos dos problemas de salubridade e imaxe da zona e esixen ao Concello que retire os contedores ou os oculte e mellore o sistema de recollida
© PontevedraViva
Non é unha folga de recollida de lixos, é o día a día da contorna do Teatro Principal

Por Manu Otero

© Mónica Patxot

© PontevedraViva

© PontevedraViva
Contedores a rebordar, lixo amontoado no chan, presenza de bichos, ratos, malos cheiros e pésima imaxe. A contorna do Teatro Principal, en pleno centro histórico de Pontevedra, vive nun escenario constante de folga de recollida de lixos. O peor é que non existe tal protesta. Os camións acoden regularmente a baleirar os depósitos, pero fano na peor hora posible, durante as quendas de comidas dos máis de dez restaurantes que perviven na zona. Os clientes moléstanse e os hostaleiros están fartos. Esixen unha solución inmediata, pero aínda están á espera, tras conversas informais con outros concelleiros, dunha xuntanza co responsable da ordenación do territorio e mobilidade, Césareo Mosquera.
"Os donos dos locais afectados suxerimos dúas solucións. Sacar de aí os contedores sería a máis efectiva, outra opción sería cubrilos con placas de madeira para tapalos, pola estética, e facer unha recollida máis constante para evitar cheiros e desinfectar con maior frecuencia", pide o encargado do MoMa Music Hall, que ten cinco contedores desbordados fronte á entrada do local e a menos de tres metros.
"Algunha vez coóusenos algún rato no local", recoñece un dos dirixentes da Taberna Zentola, moi preocupado polas consecuencias que os problemas de salubridade están a provocar nos negocios da zona. "Non é agradable estar a comer á beira dun contedor e que veña un camión do lixo, que gotea, deixan cheiros e temos que limpar a rúa", protesta.
O dano máis evidente que sofren estes negocios é a imaxe. Durante a maior parte do día estes contedores están repletos, polo que os usuarios teñen que deixar moitas veces as bolsas no chan. Ademais non hai contedores de cartón nin de vidro, polo que moitos optan por tirar todo no mesmo recipiente e outros por colocalos nas montañas de cartón que se xeran á beira das escaleiras do Teatro Principal. "Ao ver isto os clientes vanse", admiten na Zentola. "Existe unha baixa notoria de clientela, hai protestas constantes e está a afectar á facturación dos locais", engaden desde o MoMa.
Especialmente molesto resulta que, á hora de solicitar as pertinentes licencias de actividade, a administración local é moi esixente no cumprimento das normas de protección da estética da zona vella. "Os primeiros que deben cumprir as normas e dar exemplo son o Concello e Deputación tendo en conta que están á beira do Teatro Principal e do Liceo Casino", reclaman os hostaleiros.
Pero as consecuencias desta falta de limpeza son moito máis profundas. Ademais de estar constantemente sucios, os contedores están rotos e cubertos de pintadas. Así mesmo, "xeran cheiros insoportables" e constitúen un lugar perfecto para a proliferación de cascudas, ratos e ratas. Ao non poder pechar a tapa porque están desbordados, "atraen pombas e gaivotas que rompen as bolsas e deixan espallados moitos residuos no medio da praza", protesta o encargado do MoMa, o establecemento máis afectado por este problema.
"Dá un aspecto moi sucio, insalubre. Os ratos paséanse mentres estás sentada na terraza, ademas do cheiro que desprenden. Todo isto prexudica a todos os bares e a xente prefire outras terrazas. É moi noxento", explica unha clienta habitual.
"Trátase dun problema de sanidade nunha praza que contén varios restaurantes con terraza paga", afirma un hostaleiro que pon voz ao malestar dos donos do MoMa Music Hall, Taberna Zentola, Jaqueyvi, Bocaito, Restaurante As Campás, Ice Wolf, Merris, A Cata e A Quesería.
A seguridade é outro factor que está en xogo. Hai unhas semanas tiveron que acudir os bombeiros ao lugar para apagar as chamas que se orixinaron nun destes contedores, que estaba cheo de papeis e plásticos. A extición foi rápida, pero as cinzas quedaron na praza ata o día seguinte, cando un operario de Ferrovial, ao que non lle correspondía retirar ese tipo de residuos, decidiu depositalos de novo no contedor a pedimento de clientes e hostaleiros.
O feito de que se trata dos únicos contedores da zona, os outros máis próximos están na Praza de Curros Enríquez ou na Praza dá Verdura, contribúe a incrementar o volume de residuos diario. Hostaleiros e veciños do lugar botan as súas bolsas de lixo alí a diario, polo que unha mellor distribución dos colectores serviría para aliviar lixeiramente o problema.
Por todo isto, os hostaleiros reclaman unha reunión co responsable desta área para facerlle ver as penurias que levan anos soportando. "Soterralos sería a solución ideal", din na Zentola, pero confórmanse cun peche de madeira que acabe co feísmo e o compromiso de incrementar os períodos de recollida para evitar a saturación destes días, en plenas festas da Peregrina, nos que mesmo se depositaron palés de madeira.
Relacionadas:
-
Renovan os colectores de lixo do Mercado, Benito Corbal e Virxe do Camiño
Por Redacción |
-
Inician unha campaña informativa sobre recollida selectiva para o comercio e hostalería do centro histórico
Por Redacción |
-
Prometen unha "reflexión profunda" ante as denuncias pola falta de limpeza do centro histórico
Por Alejandro Espiño |
-
CCU Zona Monumental reclama a limpeza do centro histórico ante unha suciedade "insoportable"
Por Redacción |
-
No PP local afirman que non deixan de chegarlles "denuncias sobre a presenza de ratas" na cidade
Por Redacción |
-
As protestas pola falta de limpeza dos contedores expándense pola zona vella
Por Manu Otero | Creada e actualizada
-
O PP de Pontevedra pide a mellora do servizo de residuos e unha campaña de desratización
Por Manu Otero |
-
Comeza a limpeza dos dous espazos arqueolóxicos de Pontevedra
Por Almu Dapena |
-
O goberno local non descarta instalar urinarios e reforzar a limpeza durante as peñas
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
Concello e hostaleiros planean unha nova festa gastronómica en Pontevedra
Por Manu Otero |
-
A recollida selectiva aumenta un 25% en Pontevedra ata as 249 toneladas ao mes
Por Redacción |