O 'gastromercado' marca tendencia no seu primeiro mes: "Superamos as expectativas", din os hostaleiros
Os mercados gastronómicos son unha tendencia en auxe. Desde hai anos, cidades de todo o mundo apostaron por este modelo para revitalizar os seus mercados de barrio e Pontevedra sumouse a esta tendencia cun éxito incuestionable. "Estamos encantados", aseguran os restauradores que, hai agora un mes, comezaron con esta nova aventura.
Neste tan curto espazo de tempo, o espazo gastronómico da primeira planta de 'O Mercado' fíxose un oco entre as preferencias dos pontevedreses, que desde a súa apertura non deixaron de acudir nin un só día a probar as suculentas propostas culinarias dos novos inquilinos da praza de abastos.
"O arranque foi fantástico. A xente está a responder moi ben", explican Alicia e María a PontevedraViva. Ambas son as responsables de A Batea, posto que ofrece unha ampla variedade de saborosos pratos nos que os mexillóns, todos eles de orixe galega, son os auténticos protagonistas.
Ao seu lado, Alfonso dálles a razón. O responsable da Merluzoteca, unha orixinal aposta por "darlle unha volta" ás preparacións tradicionais con pescada, afirma que "a xente fixo seu este proxecto" porque no mercado "dámoslles algo diferente" ao que poden atopar nos restaurantes convencionais.
"Non competimos cos hostaleiros de fóra porque non facemos o mesmo", engade, algo o que coincide tamén Temis, unha das persoas que impulsaron Umami Poké. É o único lugar de Pontevedra no que se pode degustar as ensaladas de arroz e peixe cru, orixinarias de Hawaii, que están a causar furor en toda España.
A súa é, sen dúbida, a aposta máis arriscada de 'O Mercado' e por agora acertaron. "A xente vén moito e pregunta, pero estamos a ter moi boa acollida sobre todo entre a mocidade", sinala ao ser preguntada sobre as súas elaboracións. "As fins de semana non paramos nin un momento", celebra orgullosa.
Antonio, que ofrece os produtos afumados polos que se decanta Sete de Abastos, tamén destaca que están "moi contentos" de como Pontevedra recibiu este novo proxecto gastronómico. "Empezamos aos poucos, con moito boca a boca e aínda que hai días máis frouxos que outros, non nos podemos queixar", explica sen deixar de preparar as súas elaboracións.
Iso si, ningún deles iguala o entusiasmo que demostra Carla, a responsable de A Polbería. "Estamos moi por encima das expectativas que tiña", asegura quen ofrece no seu posto o polbo máis saboroso que capturan os barcos que faenan preto de Ons. "A base do éxito está en nós, en camiñar todos da man", engade.
Conseguir que "a xente salga contenta de aquí" é a súa máxima prioridade e, para iso, reivindica crear sinerxias cos postos de produtos frescos da planta baixa do mercado, porque "iso é o que busca o cliente galego". Esa será a clave, insiste, para que Pontevedra manteña o éxito que alcanzou este espazo gastronómico.
Iso si, como calquera proxecto incipiente os inicios non son fáciles e hai aspectos a mellorar. Nisto case todos coinciden. "Necesitamos que haxa máis mesas e que a xente teña sitios onde apoiar as bebidas", advirten Alicia e María. Mesmo xente como Alfonso piden que esas barras estean preto dos seus postos porque "así podemos interactuar cos clientes".
"Isto está moi bonito pero fai falta máis utilidade", confesa Temis, que se suma ás peticións dos seus compañeiros, que reclaman que se mellore a climatización das instalacións ou a acústica do mercado, que haxa unha maior promoción en redes sociais ou que saian a licitación os postos que aínda están vacantes.
En todo iso traballa xa o goberno municipal, segundo Yoya Blanco. A edil de promoción económica coincide no diagnóstico feito polos hostaleiros e fai un balance "moi bo" dun primeiro mes de actividade no que o espazo gastronómico "quedou pequeno" ante a masiva asistencia dos pontevedreses.
Entre as novidades que avanza a responsable política do mercado está a apertura do Ganapán todas as fins de semana con actividades infantís, a colocación de barras en certas zonas ou a próximo inicio de actividade do posto que ocuparán os alumnos da escola de hostalería Carlos Oroza.
Ademais, o Concello traballa para resolver os problemas de climatización e electricidade para poder convocar "canto antes" a oferta de postos vacantes e en dinamizar este espazo con showcookings e outras propostas lúdicas e culturais. A este respecto, os propios hostaleiros avanzan que eles tamén organizarán a súa propia programación para dinamizar este espazo.
Tanto o goberno municipal como os hostaleiros confían en que coa chegada do inverno a asistencia anímese aínda máis, especialmente nos días de semana. "Aquí estamos baixo teito e ao resgardo da choiva, polo que é unha opción perfecta para protexerse o frío", aseguran. De conseguilo haberá, a recado, mercado gastronómico para longo.
Relacionadas:
-
O gastromercado terá terraza ao aire libre na rúa Serra
Por Alejandro Espiño |
-
O gastromercado reabre con aforo restrinxido, seis postos abertos e un único acceso
Por Redacción |
-
Haberá campañas de dinamización cando se poida retomar a actividade no gastromercado
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello impulsará unha lanzadeira para o sector hostaleiro
Por Redacción |
-
Centos de pontevedreses saborean o gastroespazo do mercado: "Xa é un éxito, está abarrotado"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O "gastroespazo" do Mercado inaugurarase o vindeiro xoves 22
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O mercado de Pontevedra prepárase para abrir o seu novo espazo gastronómico
Por Alejandro Espiño |
-
Polbo, mexillóns, empanadas, viños e ata unha 'merluzoteca', propostas do novo espazo gastronómico do Mercado
Por Diego Espiño |