Cumio do Clima | Lores advirte que "non hai escusas" para non "facer cousas xa" para combater a crise climática
Por Alejandro Espiño
A transformación urbana de Pontevedra abriuse camiño este mércores no Cumio Mundial do Clima, coñecido como COP25, que se está a celebrar en Madrid. Fíxoo a través da voz do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que explicou como desde as administracións locais tamén se pode contribuír a facer fronte á emerxencia climática que vive o noso planeta.
Fernández Lores participou nunha mesa redonda que, enmarcada da xornada dedicada á axenda urbana e o cambio climático, analizou experiencias inspiradoras en materia de urbanismo e clima. Xunto a Pontevedra estiveron outras tres cidades que, ao igual que a Boa Vila, lograron o premio ONU Hábitat: Málaga, Sevilla e Noaín (Navarra).
A palestra, que tivo lugar no Palacio Zurbano ante numeroso público, conectou o lema da COP25 'É tempo de actuar' con modelos de cidade nas que xa se leva tempo actuando con resultados positivos para o clima e o medio ambiente.
Nela, o alcalde pontevedrés apelou á "responsabilidade política" para avanzar na mellora das cidades e, como consecuencia, para "traballar polo planeta desde o local", xa que advertiu que "non hai solucións sen solucións políticas".
"Cada un, dentro da súa responsabilidade política, ten que exercer as súas competencias, pero non hai escusas para non tomar decisións porque nós demostramos que é posible", asegurou o rexedor de Pontevedra, que afirmou que a cidadanía valora esta "valentía política" e puxo como exemplo os seus seis mandatos como alcalde.
Esta chamada á responsabilidade foi ben acollida polos demais participantes na mesa e loada pola moderadora, a directora da Fundación CONAMA, Alicia Torrego, que dixo contundente que "precisamos capacidade de liderado, alcaldes e alcaldesas fortes para levar a cabo políticas que promovan cambios reais" e que no caso de Pontevedra esta fortaleza "funcionou".
Alicia Torrego presentou a cidade de Pontevedra como un modelo consolidado en canto a mobilidade sustentable e asegurou que "a estas alturas xa todos temos interiorizado que Pontevedra é unha cidade para camiñar".
A partires desta premisa, o alcalde de Pontevedra explicou como a cidade pasou de ser "un almacén de coches" a unha referencia mundial en materia de mobilidade e deseño urbano grazas a un "cambio de paradigma" no que o espazo público se concibe para as persoas, para a convivencia e para a estancia dos cidadáns.
Ademais dos datos habituais de redución e calmado de tráfico na cidade, Lores fixo fincapé na parte "non visible" da remodelación do centro histórico, explicando que paralelamente á accesibilidade universal do espazo urbano tamén se fixo un gran investimento na renovación de todos os servizos, o que supuxo un gran aforro e eficiencia dos recursos naturais.
No eido ambiental, o alcalde salientou a redución do 67% de emisións de CO2 grazas ao calmado e redución de tráfico e explicou brevemente o proxecto de xestión de residuos a través da compostaxe como un proxecto de futuro no que xa se está a traballar desde o goberno local.
Avanzou que cando se implante este modelo, no que se conxuga a compostaxe comunitaria e individual cunha planta de compostaxe, a previsión é reducir noutro 52% as emisións de CO2. Tamén puxo en valor a recuperación da biodiversidade na cidade e animou a que cada cidade busque o seu propio modelo para mellorar a calidade de vida dos seus habitantes.
Ao remate da súa intervención, Miguel Anxo Fernández Lores destacou que foi un "orgullo" representar a Pontevedra no Cumio Mundial do Clima e explicou que buscaba transmitir que "é posible facer cousas xa", sen esperar ata o 2030, para mellorar a calidade de vida dos cidadáns e a calidade do aire e diminuír o efecto da crise climática.
Relacionadas:
-
Pontón quere estender o modelo do BNG en Pontevedra a todas as cidades de Galicia
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Pontevedra, finalista ao primeiro premio que entrega a Comisión Europea en seguridade viaria urbana
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra, unha 'cidade 10' que foi protagonista no Cumio Mundial do Clima
Por Alejandro Espiño |
-
Proxecto piloto en Benito Corbal: a cantidade e tipo de iluminación varían segundo avanza o día
Por Redacción |
-
COP25: Carmela Silva sinala á igualdade e á transición ecolóxica coma "os dous grandes retos do mundo"
Por Redacción |
-
Cumio do Clima | Lores afirma na COP25 que Pontevedra ten cumprido a maioría de obxectivos da axenda 2030
Por Redacción |
-
Pontevedra regresará ao Cumio do Clima para falar da saúde nas cidades
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación de Pontevedra, invitada a participar na clausura do Cumio Mundial do Clima
Por Redacción |
-
Pontevedra compartirá palestra con Málaga e Noaín (Navarra) no cume mundial do clima
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra, invitada ao Cume do Clima de Madrid
Por Alejandro Espiño |