O Concello destinará 361.000 euros anuais a manter espazos públicos no rural
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal licitará nas próximas semanas o novo contrato de mantemento e sostemento dos espazos públicos do rural, segundo avanzou este xoves o edil Alberto Oubiña. Para este labor destinaranse uns 361.000 euros anuais fronte os 241.000 do contrato actual que vence a final de ano.
Este novo contrato terá unha duración de tres anos, prorrogable un ano máis, e no seu conxunto supoñerá un investimento de 1.082.948,79 euros.
Para o Concello, asegurou Oubiña, "é clave" que os espazos públicos do rural estean en "perfectas condicións de uso" para os veciños de cada unha das parroquias. Telos en bo estado, engadiu, evita que co paso dos anos haxa que facer un desembolso económico maior para rehabilitalos.
Dentro deste contrato, que é similar ao que existe para o centro urbano, incluiranse entre outras obras de bacheo, reparación de pavimento, melloras na sinalización, balizamentos, rozas e limpezas ou actuacións urxentes por danos provocados polos temporais.
Estas obras urxentes terán prioridade, segundo o concelleiro do BNG, e o resto de actuacións acometeranse en base ás demandas dos respectivos consellos parroquiais ou ás deficiencias que detecten directamente os servizos técnicos municipais.
O obxectivo deste investimento é, segundo Alberto Oubiña, que os espazos públicos do rural estean en condicións "óptimas" de seguridade, accesibilidade, calidade ou durabilidade " ao mesmo nivel" que os da cidade.
Este contrato é "totalmente independente" do resto de investimentos que, nas quince parroquias do rural, fará o Concello durante o presente mandato e que, sumadas as obras de saneamento e abastecemento que executa Viaqua, roldarán os 100 millóns de euros, segundo destacou o responsable do Rural no goberno municipal.
Relacionadas:
-
Adxudican o contrato de reparacións de espazos públicos rurais por un importe de máis de 760.000 euros
Por Redacción |
-
Pontevedra inicia reparacións en pavimento, iluminación e mobiliario nunhas 370 rúas da cidade
Por Alejandro Espiño |
-
As obras de mellora da Peralba entran na súa recta final
Por Redacción |
-
A creación do 'núcleo de centralidade' dos Campos, en marcha
Por Manu Otero |
-
Ramallás estrea a súa nova rede de sumidoiros
Por Redacción |