Tráfico intensificará durante a próxima semana a vixilancia de consumo de alcol e drogas
Por Redacción
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) desenvolverá en Galicia a próxima semana unha campaña especial de control da taxa de alcoholemia e de consumo de drogas entre os condutores.
Desde este luns e ata o sábado, día 15, intensificaranse os controis de alcol e drogas por parte dos axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil. Nesta iniciativa fomentarase ademais a colaboración cos concellos das catro provincias para realizar probas en zonas urbanas, con especial incidencia nas zonas de lecer nocturno.
O alcol é un factor concorrente ou determinante nun terzo dos accidentes mortais de circulación. A súa presenza na condución, dependendo da súa taxa, multiplica entre 2 e 15 veces o risco de sufrir un accidente, ademais de ser un factor agravante das súas consecuencias. Por iso, a estratexia de Seguridade Viaria 2011-2020 establece entre os seus obxectivos descender do 1% os positivos por alcoholemia nos controis preventivos aleatorios.
En España, case un 15% de condutores conduce tras consumir algunha substancia que poida afectar á capacidade para unha condución segura. O cannabis (THC) e a cocaína son as dúas substancias achadas con máis frecuencia.
Na pasada campaña que se fixo en xuño dedicada a este tipo de infracción realizáronse en Galicia 24.159 probas de alcoholemia, das que 249 deron positivo (o 1,03%). En canto ás probas de drogas, realizáronse 396, das que resultaron positivas 159 (40%).
Hai que destacar que as maiores cifras danse nos homes (máis do 80%) con idades entre 45 a 54 anos.
Relacionadas:
-
Case medio cento de condutores deron positivo por alcohol ou drogas en Fin de Ano
Por Redacción |
-
Sete positivos en noventa minutos de control de tráfico en Marín
Por Redacción |
-
Marín e Poio súmanse á campaña especial de control de alcol e drogas da DGT
Por Redacción |
-
Operativo especial de Tráfico nas estradas pontevedreses pola ponte da Constitución
Por Redacción |
-
Árdelles o coche na ponte de Rande despois de estar a facer "trompos" en Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Interceptan un coche con plásticos opacos en lugar de cristais e o condutor dá positivo en drogas
Por Redacción |