O 'Mare Nostrum' de El Cafetín e o bacallau con coliflor de Casa Román, gañadores de Pontedetapas 2019
Por Alejandro Espiño
Se falamos de Pontedetapas, El Cafetín demostra que non ten rival. A proposta que o establecemento dirixido por Rubén González presentou á última edición do certame foi elixida como a mellor tapa creativa polo xurado.
O bocado 'Mare Nostrum', que evocaba ás rías galegas con berberecho, mexillón, algas ou ourizo, entre outros ingredientes, tamén foi a favorita entre o público que, cos seus votos, concedeulle a premio Tapa Pontevedra.
Recibiu 13.331 puntos nas votacións, o que levará a El Cafetín a representar a Pontevedra no concurso autonómico De Tapas por Galicia. O público deixou en segundo lugar ao restaurante La Cámara coa tapa tradicional 'Espetada de solombo de porco á mazá' (con 4.634 puntos) e en terceiro lugar, a Casa Verdún coa tapa tradicional 'Outra vaca no millo' (con 4.447 puntos).
Na duodécima edición de Pontedetapas tamén houbo premio para Casa Román, que segundo o xurado presentou a mellor tapa tradicional co seu 'Bacallau con coliflor'.
O palmarés de Pontedetapas 2019 completouse coa elección do mellor cóctel, que recaeu 'ex aequo' no Bocarte e en Casa Fernández coas súas respectivas propostas, 'Bocarte Sour Snow Version' e 'Resacón no Parvadas'.
Quedaron como segundos clasificados o restaurante Loaira coa tapa creativa 'Ostra en escabeche lima-limón, escuma de escumoso galego, perlas cítricas e mazá', Café Liceo coa tapa tradicional 'A vieira mariñeira á mariñeira' e Filamento co cóctel 'Aperitivo no bosque'.
Pontedetapas contou por segunda vez co patrocinio de Mahou, que outorgou un premio á mellor maridaxe con esta cerveza. O gañador foi o restaurante Padal da Santiña, que maridou o seu 'Planeta ovo' cunha Mahou Maestra.
Neste certame gastronómico participaron 53 establecementos da cidade, que presentaron un total de 69 elaboracións: 31 tapas tradicionais, 20 tapas creativas e 18 cócteles.
O xurado estivo formado polo CIFP Carlos Oroza, o chef Miguel Mosteiro (GastroLab Arousa), a nutricionista e concursante de MasterChef 2015 Lidia Folgar, a xornalista gastronómica Silvia Viqueira e o responsable de hostalaría do Casino da Toxa, José Soto.
PREMIOS PARA O PÚBLICO
De entre os 24.748 cupóns de votación válidos entregados polo público que participou dunha maneira activa no certame Pontedetapas escolleuse un por extracción ao azar dotado cun premio de 500 euros en vales para gastar no comercio local.
Tamén se sorteou outro premio de 500 euros en vales para gastar no comercio local entre os 354 usuarios da APP, que emitiron 1.805 votos
Ademais, fíxose entrega de dez ceas para dúas persoas valoradas en 60 euros a escoller entre todos os establecementos do concurso aos pasaportes entregados completos na Casa da Luz.
Relacionadas:
-
O restaurante Casa Román cumpre corenta anos en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Pontedetapas trasládase a despois do Nadal e no seu lugar fomentarase o 'tempraneo'
Por Redacción |
-
Un paseo gastronómico pola Boa Vila en 51 bocados
Por Oskar Viéitez |
-
En novembro... de tapas por Pontevedra: volve Pontedetapas
Por Alejandro Espiño |