Descende o volume de accidentes de tráfico na provincia pero mantense o número de vítimas
Por Manu Otero
O ano 2019 pechouse na provincia de Pontevedra con 24 vítimas mortais provocadas por accidentes de tráfico. A subdelegada do goberno en Pontevedra, Maica Larriba, acompañada pola directora provincial de Tráfico, Paula Yubero, e o tenente da Garda Civil, Diego Gil; presentou este martes o balance provisional de tráfico no que se mantén o mesmo número de falecidos nas estradas a pesar de que o número de sinistros caeu de forma considerable.
A década pechouse cunha redución do 50 % no total de falecidos en accidentes de trafico. E con respecto ao ano 2018, os accidentes con vítimas descenderon nun 11 %, os sinistros con falecidos, nun 5 %; e os feridos leves, nun 10 %. "Quince dos vinte e catro accidentes con vítimas mortais producíronse no primeiro semestre do ano", apuntou a subdelegada durante mentres relataba todos os resultados da campaña anual de vixilancia do tráfico na provincia.
No referente ao tipo de vías nos que se producen os accidentes, a maioría dos sucesos con falecidos ocorreron en vías de titularidade autonómica. Houbo dez sinistros con dez mortos. En vías nacionais houbo seis sinistros con outros tantos falecidos, en autoestradas só houbo dúas tráxicas colisións nas que perderon a vida catro persoas, en vías provinciais foron tres os falecidos tras outros tres accidentes e nun vial sen tipificar faleceu unha persoa.
O 75 % dos falecidos nas estradas son consecuencia de saídas de vía. As colisións laterais, os atropelos e os choques frontais tamén provocaron vítimas ao longo do 2019. Nas estradas da provincia rexistráronse cinco atropelos fatais, trece ocupantes de turismos, catro de motocicletas, un de ciclomotor e un camioneiro faleceron tamén despois de accidentes de tráfico.
O tráxico suceso no que perderon a vida tres menores de Redondela tras unha colisión na AP-9 á entrada de Vigo provocou un incremento do 25 % no número de mortos con idades comprendidas entre os 15 e os 24 anos. Mentres que no rango de maiores de 65, o total de vítimas pasou do 33 % do 2018 ao 4 % do ano pasado.
O uso do cinto é unha rutina que está cada vez máis interiorizada na mentalidade dos condutores. De feito, na provincia só un camioneiro perdeu a vida por non utilizar este dispositivo de seguridade. No resto do país, foron 116 as persoas que perderon a vida nestas circinstancias e en Galicia, 10.
Os falecidos por exceso de velocidade ou distraccións (o uso do teléfono móbil ao volante inclúese neste epígrafe) representan o 29 % do total con sete dos vinte e dous sucesos fatais que se produciron na provincia. O consumo de alcol afectou só en dous dos accidentes.
Os axentes da Garda Civil de Tráfico practicaron durante o ano pasado, 4.614 controis de drogas con 1.922 positivos (41,65 %). Ademais realizaron 255.014 test de consumo de alcol con 4.436 positivos (1,7 %).
A pesar de que o número de accidentes segue caendo nas estradas provinciais, a subdelegada do goberno insistiu en "o respecto ás normas de tráfico, aos límites de velocidade, ao uso do cinto, ás prioridades nos cruces, a non consumir alcol nin drogas e sobre todo a non usar o móbil durante a condución porque ningunha llamana nin ningunha mensaxe son máis importantes que a vida".
Maica Larriba aproveitou tamén a súa comparecencia para trasladar a súa pesar á familia do novo falecido como consecuencia dun atropelo na AP-9 na pasada fin de semana. Tamén declarou que a Garda Civil continúa investigando as causas do sinistro. Tampouco se coñecen aínda as circunstancias que provocaron o falecemento do condutor dun patinete eléctrico en Campelo, pero insistiu na necesidade de que os Concellos cumpran as instrucións ditadas pola DXT mentres non aproben as súas propias ordenanzas.
Relacionadas:
-
Investigan a morte dun home de 31 anos cando circulaba en patinete eléctrico por Campelo
Por Redacción |
-
Un atropelo mortal na autoestrada provoca importantes retencións á altura de Poio
Por Redacción |
-
Cinco feridos en Barro tras bater contra un camión do lixo
Por Redacción |
-
Tráfico pretende rebaixar á metade o número de vítimas mortais nas estradas provinciais, que en 2019 xa ascende a 22
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |