Proban en Pontevedra unha terapia con realidade virtual para pacientes con párkinson
Por Redacción
Un estudo que se está a realizar no campus de Pontevedra aposta por utilizar unha terapia con realidade virtual para estimular a pacientes con párkinson. O obxectivo destas probas é avaliar as posibilidades desta tecnoloxía para deseñar programas terapéuticos de actividade física.
Esta pioneira liña de investigación está impulsada polo grupo Healtyfit, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que está a traballar de xeito piloto con pacientes que teñen esta doenza para desenvolver terapias personalizadas.
O investigador José María Cancela explica que "o que queremos ver nun principio é o efecto que teñen diferentes propostas de intervención terapéutica con realidade virtual nunha poboación con perfís patolóxicos diferentes".
Para desenvolver esta liña de traballo, o grupo comezou analizando en primeiro termo a posible aplicación de experiencias e xogos existentes para este tipo de dispositivos como ferramentas para prescribir unha actividade física adaptada ás características de cada usuario.
O obxectivo, aseguran os responsables da investigación, é aproveitar a "capacidade de adherencia" da realidade virtual para traballar de "forma inconsciente" determinados parámetros que "doutro xeito sería moito máis complicado".
Este tipo de plataformas, engaden, permiten levar a cabo nunha "contorna segura" actividades nas que os maiores teñan que responder a unha serie de estímulos, á vez que posibilitarían o deseño de terapias individualizadas, xa que o propio programa permitiría unha avaliación en tempo real dos parámetros que se pretende traballar.
O fisioterapeuta Pablo Campo, que centra a investigación que desenvolve para a súa tese no deseño e desenvolvemento dun programa terapéutico baseado no uso desta tecnoloxía, subliña que isto é unha maneira de facer ver que os programas de exercicio terapéutico poden levarse a cabo a través das novas tecnoloxías.
As probas realizadas ata o de agora "están a ser tremendamente positivas", recoñece Campo, que explica que o obxectivo é desenvolver con persoas maiores un programa de exercicio terapéutico "que poidamos adaptar ás características das persoas, como idade, patoloxías, sintomatoloxías ou, por exemplo, á farmacoloxía que teñan asociada".
Así, entre os que probaron esta proposta estaba Daniel Rodríguez, de 89 anos, que recoñece que na actividade física que realizou a través de xogos "estaban incluídos moitos dos movementos que facemos cando imos a fisioterapia"; ou Salvador Rey, de 68, que salientou o positivo de poder levar a cabo unha actividade individualizada.
Nesa mesma liña, Moisés Ogando, de 61 anos, destacou o interesante de valerse dun xogo que permite, nunha realidade virtual totalmente controlada, desenvolver actividades que lles axudan "en aspectos que temos danados como a coordinación".
Relacionadas:
-
A consulta monográfica de Párkinson e outros trastornos no Hospital Provincial, recoñecida como referente
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
O párkinson, unha pandemia que afecta a 3.000 persoas na provincia de Pontevedra
Por Olaya Madrigal |
-
Deseñan no campus de Pontevedra un programa de pilates para persoas con Párkinson
Por Redacción |