Benestar Social reforza o seu equipo coa contratación dun novo traballador social
Por Redacción
O Concello de Pontevedra abriu o proceso para reforzar o equipo do servizo de Benestar Social. Será coa incorporación dun traballador ou traballadora social, segundo avanza a edil responsable desta área, Paloma Castro.
Trátase dunha praza de nova creación recollida dentro do acordo acadado polo goberno bipartito para aprobar os orzamentos municipais de 2019.
Os interesados teñen un prazo de vinte días, a contar desde a publicación da oferta no BOE o pasado 6 de xuño, para presentar as súas solicitudes para participar nesta oposición libre.
Entre os requisitos está ter en posesión o título de diplomado en Traballo Social ou graduado nunha titulación equivalente da rama das Ciencias Sociais e Xurídicas.
Castro agarda que o proceso selectivo, que consistirá na realización de probas de coñecemento teórico-prácticas que acrediten a capacidade dos aspirantes en materia normativa, social, informática ou lingüística, poida celebrarse "despois do verán".
A concelleira de Benestar Social considera que a creación desta praza contribuirá a fortalecer a asistencia prestada por un servizo que conta actualmente con nove traballadoras sociais de zona, dúas delas asignadas ao barrio de Monte Porreiro.
Ademais, hai unha responsable de coordinación, unha traballadora do Plan de Inclusión, unha da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) e dúas dedicadas a reforzar aquelas áreas nas que existe acumulación de tarefas.
A este respecto, Paloma Castro reclamou á Xunta que aumente o financiamento das prazas de traballadora social ante o "notable incremento" da carga laboral e os concellos "estamos a afrontar con recursos propios responsabilidades que son exclusivas do goberno autonómico".
Relacionadas:
-
Benestar Social reclama formación e material sanitario para os centros de atención a persoas con diversidade funcional
Por Redacción |
-
Paloma Castro insta á Xunta a "cumprir as súas competencias" e reabrir os centros de día
Por Redacción |
-
Contratan seguridade e vixilancia para a Casa Azul, a unidade de drogodependencias e o gastromercado
Por Redacción |
-
Dous de cada tres usuarios dos albergues durante o estado de alarma levan máis de 3 anos vivindo na rúa
Por Redacción |