A USC estudará a incidencia das cianobacterias do encoro no proceso de potabilización da auga de Caldas
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) asinaron un acordo polo que a institución académica realizará unha investigación sobre o estado do río Umia e a incidencia das cianobacterias que aparecen no encoro da Baxe no proceso de potabilización da auga que se leva a cabo na Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Caldas.
O estudo vaino realizar a USC a través da súa Estación de Hidrobioloxía, que dirixe o profesor Fernando Cobo Grandín, e terá un custo de 12.764 euros.
Con motivo da sinatura deste convenio, o Concello deu a coñecer que nas últimas analíticas realizadas polo Concello e pola USC na ETAP non detectaron a presenza de microcistinas nas augas do abastecemento municipal.
O Concello busca garantir que o subministro da auga se realice con total seguridade para a cidadanía e por iso encarga este estudo. O seu resultado permitirá coñecer de maneira detallada a incidencia das cianobacterias e cianotoxinas no proceso de potabilización da auga que chega aos fogares da cidadanía
A investigación complementará, ademais, os datos que se obteñen coas analíticas periódicas sobre o estado da auga de consumo e do río.
A sinatura do convenio coa USC para a realización do estudo atópase dentro dos acordos de Goberno entre PSOE e BNG para a aprobación dos orzamentos xerais municipais de 2020 e foi presentado polo concelleiro Jacobo Pérez; o voceiro do BNG, Manuel Fariña; e o profesor Fernando Cobo.
O Goberno municipal destaca que con este estudo demóstrase o compromiso do Concello coa mellora do río e coa cidadanía para garantir unha auga de boa calidade.
Relacionadas:
-
Nova compensación para Caldas, Cuntis e Moraña pola explotación do encoro do Umia
Por Redacción |
-
Caldas ten as súas augas de abastecemento libres de cianobacterias
Por Redacción |
-
As análises descartan a presenza de cianobacterias na auga potable de Caldas
Por Redacción |
-
O BNG de Caldas acusa á Xunta de "temeraria e irresponsable" polo seu silencio ante o estado do encoro do Umia
Por Redacción |
-
Culpan ao "desleixo" das administracións do "deplorable" estado do encoro do Umia
Por Oskar Viéitez |