A educación infantil en formato burbulla ponse en marcha en Pontevedra
Por Manu Otero
Compartir, abrazar ou xogar. Tres palabras fundamentais nas primeiras etapas do desenvolvemento educativo dos máis pequenos do fogar que o coronavirus se empeña en substituír por illar. A burbulla é a palabra de moda neste arranque do curso de educación infantil en Pontevedra e o resto do país.
O protocolo obriga a extremar as precaucións para evitar máis positivos por Covid-19, pero os profes, desbordados polo traballo habitual e extraordinario de cada setembro, non deixarán que a pandemia desluza o seu traballo, a súa vocación.
"Tiñamos ganas de empezar, para demostrar que a educación pode funcionar co noso esforzo porque os nenos teñen dereito a unha educación de calidade", sostén Toni Rubio, director da escola infantil Bambi, mentres é entrevistado, atende aos seus alumnos e vixía que o protocolo se cumpra.
Como cada 1 de setembro, as escolas de educación infantil de titularidade privada abriron as súas portas. Aínda que igual de atarefado que sempre, non é un inicio de curso normal. "A incerteza levámola moi mal, non sabemos o que nos espera, nin o que pode pasar dentro de 15 días ou un mes", admite o educador, convencido de que a súa escola é un lugar seguro.
"Polos contaxios estamos tranquilos, entre nenos destas idades a incidencia é menor e hai menos transmisión", apunta Rubio antes de detallar o estrito protocolo adoptado para minimizar riscos e admitir que "nos preocupa máis o que pasa fóra do centro".
Guiados pola Asociación de Escolas Infantís de Galicia, estas escolas pasáronse todo o verán planificando a volta ao cole. "Pasamos moito tempo pechados, traballar gústanos e estamos afeitos a iso", afirma o director, lamentando que baixo estas circunstancias "temos que dedicar moito tempo a tarefas non pedagóxicas como limpar ou desinfectar instalacións".
Esa é só unha pequena parte do protocolo adoptado por estes centros, nos que os grupos son máis reducidos que nunca e o contacto entre alumnos e con persoas alleas ao centro está reducido á mínima expresión. Están establecidos quendas de entrada e saída, sinalización en todas as aulas e corredores, creación de novos espazos, máis persoal e matriculación reducida. "Estamos ao 60 % de capacidade", detalla Rubio, quen pon en valor que en ningún grupo hai máis de doce escolares.
Pero o máis doloroso para toda a comunidade educativa é o illamento. "Agora os pais téñense que quedar na porta, antes podían pasar á aula. Ten que ser así", lamenta Rubio consciente do duro que resulta para os proxenitores e os fillos ter que separarse por primeira vez para quedar cun descoñecido.
Non só nas escolas privadas ocorre isto, nas públicas tamén están tristes por ter que prescindir dos pais e nais. "O noso era un centro de portas abertas e os pais eran un máis", declaran desde a escola infantil da Parda pertencente á rede Galiña Azul que xestiona a Consellería de Política Social.
Nestes centros, que xa traballan a pleno rendemento, a chegada dos alumnos non se producirá ata o día 4. Os que renovan matrícula serán os primeiros en estrear a nova normalidade educativa, os debutantes chegarán a partir do día 8. "Os pais están preocupados, entendemos os seus medos, pero cos nenos seguirá habendo afecto", sinala a directora da escola, puntualizando que o cumprimento do protocolo será igualmente estrito.
A enorme demanda que cada ano ten este centro impediu reducir o cociente de alumnos para o novo curso, polo que a planificación da volta ao cole está a ser complexa. "Temos ganas de volver á normalidade, esta situación é estresante. Pero poñeremos todo da nosa parte para que salga ben", afirman convencidos desde o centro.
O protocolo non difire demasiado co posto en marcha polas privadas, nas que tampouco está permitido acceder con carros e a máis mínima sospeita de contaxio será notificada a Sanidade. "Se hai unha sospeita, o neno será illado nun lugar estipulado e estará acompañado ata que a familia veña a buscalo. Notificarémolo a Sanidade para que inicie o procedemento de rastrexo. Nós levaremos tamén un rexistro de todos os contactos", detallan, unha tarefa máis que terá que asumir o profesorado.
A saúde do profesorado é outra cuestión que tamén será vixiada este curso. "Este mércores estamos todos citados en Montecelo para facernos as probas serolóxicas", confesan tras revelar tamén que as reunións entre os profesores faranse de forma virtual, que o uso de máscara será obrigatorio en todo momento e que cada neno terá que chegar ao centro con só un dos seus proxenitores.
A pesar do esforzo de toda a comunidade educativa por organizar unha volta ao cole o máis segura posible. As dúbidas, o medo e a incerteza reina entre as nais e pais dos pequenos escolares.
"Os pais están a portarse moi ben, cumpren cos horarios e traballamos con tranquilidade. Pero teñen moitas preguntas e hai algunhas que non sabemos responder e outras que poden ir cambiando", conclúe Toni Rubio sobre a volta ao cole máis complicada do últimos tempo.
Relacionadas:
-
Quendas, colas, hixiene, nervios e alegría na volta ao cole da Educación Primaria
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
O protocolo anticovid da educación complica aínda máis a volta ao cole dos alumnos invidentes
Por Manu Otero |
-
7.914 escolares de Pontevedra volverán ás aulas a partir do 10 de setembro
Por Manu Otero |
-
Ana Pontón: A "improvisación" da Xunta no regreso ás aulas é unha "falta de respecto" á comunidade educativa
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Colexios e institutos buscan novos espazos para cumprir coa distancia de seguridade entre estudantes
Por Manu Otero |
-
Cruz Vermella activa a campaña "Volta ao Cole Solidaria" a favor da infancia en risco social
Por Redacción |
-
Tres días sen asistencia á aula, castigo para o alumnado que incumpra as medidas sanitarias
Por Redacción |
-
As clases empezarán de forma escalada por cursos e os escolares deberán levar unha máscara de recambio
Por Redacción |
-
O curso escolar comezará con folgas ante o "coste cero" das medidas da Xunta contra a COVID-19
Por Redacción |
-
Catro sindicatos anuncian mobilizacións e dúas folgas no inicio do curso escolar
Por Redacción |
-
O curso escolar será presencial e os colexios permanecerán abertos aínda que haxa positivos
Por Natalia Puga |
-
Feijóo, ante o novo curso: "A aula será un lugar moito máis seguro que outros que os rapaces en Galicia frecuentan"
Por Natalia Puga |