Inspira STEAM, un proxecto pioneiro que se afianza coa colaboración entre UVigo e Deputación
Por María José Pita
Este mércores a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, daban a coñecer o convenio subscrito entre ambas institucións para dar continuidade ao proxecto Inspira STEAM, que desenvolve a súa terceira edición en centros escolares de Pontevedra.
As siglas STEAM identifican ás disciplinas Science, Technology, Engineering, Art e Mathematics, é dicir, ciencia, tecnoloxía, enxeñería, arte e matemáticas. O obxectivo deste proxecto impulsado pola Universidade de Vigo é tratar de captar alumnas para cursar carreiras do ámbito tecnolóxico que seguen a estar ocupadas na súa meirande parte por homes, e que diversos estudos indican que a falta de referentes mulleres nestes ámbitos provoca que as alumnas opten por outro tipo de estudo afastado da tecnoloxía ou da ciencia, como aludía Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria e coordinadora do proxecto.
A presidenta da Deputación incidía nuns datos que seguen a ser preocupantes, como o feito de que a porcentaxe de matriculacións de mulleres sexa de "un 24,5 % en enxeñerías ou arquitectura, só un 12 % en informática, 8% en telecomunicacións, un 11% en física; o que supón que as mozas estanse a matricular por debaixo da media naquelas carreiras que van supoñer a actividade, non xa do futuro, senón do presente".
Carmela Silva referíase a que os sectores de actividade que derivan destes estudos "técnicos" son os que se consideran motores económicos a nivel global e que posúen unhas mellores condicións laborais e de salario "e se non temos mulleres que estuden esas carreiras, certamente estaremos en inferioridade de condicións".
Silva lembraba que malia que este ano houbo tres mulleres que acadaron o premio Nobel en química e física, na representación en foros especializados, por exemplo, seguen a estar infrarrepresentadas "polo tanto é moi importante que esas mulleres que son tecnólogas, matemáticas, científicas, investigadoras... sexan as mentoras que vaian aos centros educativos para que as nenas teñan referentes porque hai un gravísimo problema: 'eu non quero ser o que non vexo que podo ser'. Se eu cada vez que vexo ás mulleres as vexo nos coidados, creo que o meu papel no mundo son os coidados e non a ciencia, e hai que cambiar todo iso".
Neste sentido, salientaba a importancia deste labor da Universidade de Vigo e o proxecto Inspira STEAM. O reitor, Manuel Reigosa agradecía o apoio da institución provincial para garantir a continuidade do programa e manifestaba en nome de todas as persoas que o fan posible que "aspiramos a que alomenos a metade da xente que se achega ás aulas da Universidade de Vigo sexa talento feminino".
A promoción da igualdade de oportunidades no ámbito universitario é un compromiso da UVigo. De feito, o reitor fixo a súa intervención na rolda de prensa dende o coche que o trasladaba de volta dunha reunión de reitores para desenvolver accións vencelladas ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
INSPIRA STEAM
O proxecto Inspira STEAM nace na Universidade de Deusto en 2016 e xa está en marcha en Madrid, Cataluña, Andalucía, Asturias, Galicia e Murcia.
A Universidade de Vigo lidera este programa en Pontevedra desde 2018. Nas primeiras edicións chegou a 358 nenas e 406 nenos de 19 centros grazas ao labor de 30 mentoras. Este curso 2020-2021 lánzase a terceira edición de Inspira STEAM Pontevedra, financiada pola Deputación Provincial.
Inspira STEAM é un proxecto pioneiro para o fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas, baseado en accións de sensibilización e orientación, que imparten mulleres profesionais do mundo da investigación, a ciencia e a tecnoloxía. A forma de traballo é a través da técnica do mentoring. De tal xeito que un grupo de mentoras achegan, de maneira voluntaria, o seu día a día a nenas e nenos a través de seis sesións de traballo en horario lectivo. Todas elas son científicas e tecnólogas que desenvolven a súa actividade profesional en diferentes ámbitos: académico, empresarial, investigación, xestión etc.
Relacionadas:
-
Só unha de cada catro estudantes das carreiras científicas e tecnolóxicas son mulleres
Por Redacción |
-
Cen estudantes da Universidade de Vigo contarán con axudas directas da Deputación para formarse internacionalmente
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O campus de Pontevedra aposta por tres cursos de formación durante os meses de xuño e setembro
Por Redacción |
-
A Deputación súmase á Universidade de Vigo para fomentar vocacións científicas entre as nenas
Por Oskar Viéitez |
-
Presentan o web da Cátedra de Feminismo, unha ferramenta para fomentar as mulleres científicas e hackear o patriarcado
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Deputación financiará 26 entidades sociais para fomentar a igualdade e a loita contra a violencia machista
Por Redacción |