Presentan o web da Cátedra de Feminismo, unha ferramenta para fomentar as mulleres científicas e hackear o patriarcado
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Catedrafeminismos.gal é a nova páxina web da Cátedra de Feminismo que impulsa a Universidade de Vigo en colaboración coa Deputación de Pontevedra. Este luns presentábase esta ferramenta dixital no Pazo Provincial coa intervención da presidenta Carmela Silva, acompañada telematicamente polo reitor Manuel Reigosa; a deputada de Igualdade, Victoria Alonso e pola directora da área de Igualdade da UVigo, Águeda González.
Carmela Silva destacou que, hai un ano, se puxo en marcha a Catedra de Feminismos 4.0, pioneira nacional na investigación e que, destacou, se converteu nunha bandeira para Pontevedra e para a Universidade de Vigo ao tratarse dun elemento que impulsa a innovación feminista, dando prioridade á súa presenza nas carreiras STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) onde as mulleres se atoupan pouco representadas.
En xullo deste ano, a Deputación Provincial e a UVigo renovaron o convenio de colaboración para poñer en marcha novas iniciativas nestas cuestións para servir como modelo para outras universidades e institucións en materia de igualdade de dereitos.
Carmela Silva avanzou que está previsto crear un comité de sabias, un workshop virtual e novas axudas á investigación con perspectiva de xénero, entre outras medidas. A estas iniciativas súmase esta nova web na que, segundo explicou Águeda González, se impulsará a cultura dixital feminista.
Desta forma, entre os seus contidos darase prioridade ao fomento dos estudos científicos entre as mulleres e, ao mesmo tempo, mostrar o seu rexeitamento á cultura machista e misóxena, que se observa en diferentes redes sociais. A intención, segundo Águeda González, é convidar a unha reflexión común para loitar contra as agresións, mesmo virtuais, contra as mulleres polo feito de selo.
O reitor tamén manifestou que a Universidade ten que estar comprometida coa igualdade e ofrecendo proxectos reais. Destacaba que hai moita xente que, baixo o anonimato das redes sociais, mostra que se atopa nas antípodas da igualdade e por este motivo convidaba a combater os machismos rancios.
O web da Cátedra é un espazo virtual para comunicar toda a actividade do proxecto, difundir publicacións de interese, informar sobre convocatorias e remitir a organizacións que traballen nesta área. Máis polo miúdo, as persoas que accedan poderán encontrar a información sobre a Cátedra (seminarios, avisos sobre bolsas de investigación, axenda de actividades, entre outras) e tamén vídeos propios, como é o caso do Workshop 2019 da Cátedra. Tamén se enlaza con diferentes entidades investigadoras neste ámbito como é MediaLab en Vigo, Donestech en Barcelona, GenderlT.org (en Sudáfrica, América Latina e India), Fundación Activismo Feminista Digital (Argentina), distintas universidades norteamericanas, e outras institucións. As persoas interesadas tamén poderán apuntarse para recibir o boletín de novidades, que se enviará cada quince días.
Relacionadas:
-
Nace o Comité de Sabias para loitar pola igualdade nos ámbitos científicos e tecnolóxicos
Por María José Pita |
-
Políticas e xornalistas, as mulleres que máis insultos reciben nas redes sociais
Por Redacción |
-
Inspira STEAM, un proxecto pioneiro que se afianza coa colaboración entre UVigo e Deputación
Por María José Pita |
-
A Deputación súmase á Universidade de Vigo para fomentar vocacións científicas entre as nenas
Por Oskar Viéitez |
-
Lanzan os premios "GirlGeekCovid" para incentivar os estudos de ciencias entre as mulleres
Por Redacción |
-
'Mulleres en acción. Violencia Zero' leva as súas reivindicacións a Sanxenxo
Por Redacción |
-
A Deputación elaborará un informe alertando do temor a que as mulleres volvan quedar invisibilizadas tras o teletraballo
Por Redacción |