Denuncian un bar de Combarro que vendía alcol para consumir na rúa e 16 clientes que se xuntaron para beber
Por Natalia Puga
Os controis realizados pola Policía Local de Poio para garantir o cumprimento das normas establecidas para frear a expansión da covid-19 detectaron durante a última semana 40 infraccións que foron denunciadas polos axentes. Entre todas as intervencións realizadas, chaman a atención dúas, unha arredor dun bar de Combarro que estaba a vender alcol para o seu consumo na rúa e outra por unha serie de autocaravanas situadas na área habilitada na Seca que chegaran a Poio incumprindo o peche perimetral.
No caso de Combarro, os policías detectaron a irregularidade sobre as 20.30 horas do pasado venres despois da chamada de varios veciños e hostaleiros. O establecemento estaba aberto para servir comida a domicilio, unha actividade que está autorizada, e aproveitaba para vender tamén alcol que os clientes consumían na rúa. Tiña unha barra exterior improvisada.
Os axentes detectaron un total de 16 deses clientes, que estaban a consumir bebidas na rúa, incumprindo tamén as normas da Xunta de Galicia, que impiden o botellón na vía pública en toda Galicia e en Poio tamén as reunións de persoas non conviventes.
Esas persoas estaban na entrada do citado establecemento e todas foron identificadas. Entre os identificados había algúns que saltaran o peche perimetral que só permite desprazarse por Pontevedra, Poio, Marín, Barro, Ponte Caldelas, Vilaboa, Soutomaior, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro. Eses clientes viñan de fóra do perímetro marcado pola Xunta.
En canto ao establecemento, a Policía local tramitou o pertinente expediente sancionador para a responsable do establecemento, que se enfronta a unha sanción económica que pode ir desde os 601 ata os 30.000 euros.
Ademais, a Policía Local identificou outras catro persoas non conviventes consumindo alcol na vía pública en Campelo.
Entre as denuncias realizadas pola Policía Local durante a última semana destacan oito incumprimentos do peche perimetral, entre os que destacan tres veciños que se desprazaron ata Sanxenxo para acudir a un funeral e unha persoa con domicilio no Grove que se atopaba en Raxó sen causa xustificada.
Tamén se detectaron incuMprimentos do peche perimetral entre as persoas usuarias das autocaravanas situadas na Seca. Os axentes identificaron tres persoas, en dous vehículos diferentes, que proviñan de Madrid e de Ourense.
A maiores, os policías identificaron oito persoas que se desprazaban en distintos turismos, acompañadas por non conviventes, e sen a utilización da máscara obrigatoria. Tamén se denunciou unha persoa por non respectar a distancia mentres fumaba.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, amosa a súa preocupación polo feito de que a incidencia da covid-19 no municipio non mellora a pesar de que levan xa dúas semanas de restricións máximas e avanzou que o Goberno local estará pendente da próxima reunión do comité clínico da Xunta "para ver se tomamos novas medidas".
Caldas destaca que o comportamento en xeral da cidadanía segue a ser o correcto, pero quixo insistir en que agora mesmo a maior protección fronte á covid-19 é a responsabilidade individual e o mantemento de distancias, polo que recalcou a necesidade de evitar que se produzan xuntanzas privadas entre familiares e persoas non conviventes, tanto en espazos pechados como nos públicos sen manter o distanciamento.
Relacionadas:
-
A Policía Local de Poio identifica 50 persoas en botellóns na praia e denuncia catro locais con incumprimento horario
Por Redacción |
-
Dezaoito denuncias durante os últimos tres días por xuntarse en Pontevedra sen seren conviventes
Por Alejandro Espiño |
-
A área sanitaria de Pontevedra - O Salnés mantén unha media de 70 novos positivos diarios nos últimos días
Por Redacción |
-
Dous bares de Pontevedra denunciados por incumprir o peche da hostalería
Por Redacción |