División no pleno da Deputación polas axudas aos sectores estratéxicos máis afectados pola pandemia
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O pleno da Deputación de Pontevedra mostrou a división entre o goberno provincial (PSOE, BNG) e a oposición (PP) sobre as responsabilidades e competencias das administracións provincial e autonómica nas axudas aos sectores estratéxicos máis afectados pola pandemia da covid-19.
O grupo provincial socialista presentou unha moción, que foi aprobada cos votos do PSdeG e do BNG na que lle pedía á Xunta "un auténtico plan de rescate" coa "reprogramación de partidas" para constituír un "apoio firme" á hostalería.
O PP emendou a moción "para mellorala" reclamando que a propia Deputación impulsase o seu propio plan de axudas. "Vostedes fan receitas aos demais pero pedímoslles que llas apliquen", replicó Jorge Cubela quen lembraba que a administración provincial "aínda non deu un euro para axudar aos autónomos e ás pemes".
O vicepresidente da Deputación e portavoz do grupo do BNG, César Mosquera, sinalou que "a oposición ten autonomía cero" acusando os deputados populares de ser "unha correa de transmisión da Xunta". Mosquera advertiu ao PP que se o goberno provincial quere destinar fondos económicos aos axentes sociais "temos que sacarllo aos concellos", xa que os recursos son limitados, segundo dixo.
Pola súa banda, Carlos López Font fundamentou o rexeitamento dos socialistas á moción do PP indicando que "no vamos a admitir competencias que son ajenas a esta administración" un argumento que se repetiu por parte do PSOE na seguinte iniciativa política do grupo provincial do Partido Popular pola que se solicitaba a creación dun fondo para a reactivación económica e social da provincia de Pontevedra.
A terceira moción que abordou o pleno tamén era do PP e nela solicitábase a creación dunha plataforma provincial de venda en liña para o pequeno comercio da provincia.
A proposta foi rexeitada e, entre outras xustificacións, lembrouse aos deputados populares que no ano 2016, cando gobernaba o Partido Popular na Deputación decidiron crear unha nova canle de venda en liña de produtos e servizos, que resultou ser un "fracaso", custou máis dun millón de euros e foi rexeitado pola Unión Europea.
UNANIMIDADES
Comezou o pleno ordinario de novembro da Deputación de Pontevedra coa lectura do manifesto polo 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. O texto foi elaborado pola profesora Teresa Domínguez e deulle lectura outra mestra, Conchita Pérez Núñez.
Na parte resolutiva o pleno arrincou coa aprobación de varios asuntos por unanimidade, foi o caso do acordo marco que regula a contratación das obras de conservación de firmes na rede viaria provincial. Igualmente aprobouse co consenso de toda a corporación outros puntos da orde do día relacionados co polígono industrial de Outeda-Curro no Concello de Barro ou a adhesión da institución provincial á Central de Contratación da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
A unanimidade continuou co sexto expediente de modificación de créditos no que vai de ano 2020, segundo explicou o deputado López Font, entre outras cuestións, tratábase de dar "cumprida resposta" a algúns concellos que solicitaron reinvestir as baixas conseguidas na licitación de varias obras. O portavoz do PP, Jorge Cubela xustificou o voto a favor do seu grupo polo beneficio que esta medida supoñerá para os concellos e lembrou que neste mandato o 80% dos asuntos que levaron ao pleno contaron co apoio dos populares.
Finalmente, houbo discrepancias coa modificación do Regulamento Orgánico Provincial, o goberno expuña unha adaptación técnica e o PP propuxo, sen éxito, incluír máis cambios.
Relacionadas:
-
Berro desconsolado de auxilio da hostalería en Pontevedra: "Estamos mortos"
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
O PP propón á Deputación que poña en marcha unha plataforma de venta online para o pequeno comercio
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Novo "numerito" no pleno da Deputación en que se aprobaron os orzamentos para 2021 co PP abandonando a sala
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Os populares reclaman á Deputación máis gasto social, axudas para autónomos e o aumento do Plan Concellos
Por Oskar Viéitez |